Participan nas visitas-obradoiro á mostra “Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia” no Museo do Mar de Galicia.
O alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do Porriño están a desfrutar das visitas-obradoiro á exposición temporal do Arquitecto Antonio Palacios “Soños de modernidade. Compromiso con Galicia”, instalada no Museo do Mar de Galicia.
Na actividade, organizada pola Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, participarán 214 alumnas e alumnos dos colexios do municipio. As visitas comezaron esta semana e desenvolveranse ata o 29 de marzo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou ao primeiro dos grupos que participou da actividade. “Estas visitas permiten aos nosos pequenos e pequenas descubrir máis a fondo a obra de Antonio Palacios dende un punto de vista práctico, dinámico, participativo e, por suposto, educativo”, explicou o rexedor. “É unha forma divertida de coñecer a figura e o traballo dun dos porriñeses máis ilustres”.
Os primeiros en participar, o pasado martes, foron o CEIP Plurilingüe de Atios e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. Nas próximas quendas farano o IES Ribeira do Louro, CPR Hermanos Quiroga, CPR Santo Tomás, CEIP da Ribeira e CEIP Cruz Budiño.