Ao igual que no accidente ferroviario de Angrois, en Santiago, será un equipo de psicólogos de Galicia e de Cruz Vermella os encargados de comunicarlle ás familias as mortes dos seus familiares unha vez que o Goberno e a Xunta teña a información oficial da identidade dos falecidos. Ata agora 10 cadáveres localizados.
O presidente da Xunta:
Tras a reunión de coordinación que o presidente da Xunta mantivo en Marín co delegado do Goberno, a empresa armadora e os alcaldes de Marín, Bueu, Moaña e Cangas, decidiuse que se siga o protocolo de actuación levado a cabo no sinistro do Alvia e que sexan os psicólogos os que notifiquen as familias o falecemento dos tripulantes do Villa de Pitanxo.
Alberto Núñez Feijóo destacou que non hai novidades e que polo de agora hai tres superviventes, dez falecidos e once desaparecidos e subliñou que as condicións do mar son moi difíciles.
Feijóo destacou que hai unha necesidade de dar datos seguros porque se está a falar de persoas, polo que deben de ser certos.
Lamentou, unha vez máis, esta catástrofe e que dende 1978 non hai ningunha desta magnitude. Feijóo quixo mandarlle unha mensaxe de solidariedade á empresa armador.
A Xunta de Galicia puxo á disposición das familias psicólogos para atendelas nun proceso moi doloroso que se pode alongar no tempo.
Das 24 persoas que traballaban no buque, dezaseis teñen nacionalidade española, cinco son peruanos e tres ghaneses, de acordo aos datos oficiais.
O departamento de Defensa do Canadá ten un helicóptero e un avión asistindo nos labores de busca e rescate, pero non se atoparon restos do pesqueiro. Témese, daquela, que a embarcación afundise por completo.