A Policía Nacional detivo dous homes como presuntos autores da brutal malleira a dous mozos de 20 e 21 anos a finais do mes de xaneiro en Vigo. A detención produciuse en Ourense e os dous detidos pasarán a disposición xudicial este martes.
Os axentes deron con eles o venres pero non os detiveron ata este luns despois de máis de 15 de procura destes dous supostos agresores.
Os feitos sucederon sobre as 5 da madrugada do domingo día 30 de xaneiro, cando dous mozos tiveron que ser hospitalizados tras recibir unha malleira na rúa María Berdiales de Vigo.
Cando os axentes chegaron ao lugar, atopáronse con dous mozos, vítimas da malleira, un deles coa cara ensanguentada e o outro seminconsciente. Os agresores fuxiran á carreira.
Dous días despois dos feitos, un home foi detido como presunto autor dos feitos, aínda que posteriormente foi posto en liberdade con cargos.