lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaGirl’s Gang presenta o seu concerto debut en Mos

Girl’s Gang presenta o seu concerto debut en Mos

Será o 5 de marzo, no auditorio do Centro Dotacional de Torroso ás 21.30 horas, como antesala do 8M, Día Internacional da Muller.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou ás catro compoñentes de Girl’s Gang na nova pista de skate de San Rafael, Pereiras, na presentación do cartel deste concerto.

Girl’s Gang:

A entrada será gratuíta e as persoas interesadas en asistir poderán facerse coas súas localidades (máximo de 4 por persoa) a través de https://www.woutick.es/evento/22448/entradas-girls-gang desde o domingo 13 de febreiro ás 12.00 horas. A apertura de portas do concerto o 5 de marzo será ás 21.00 horas.
As Girl’s Gang decláranse “un grupo feminino e feminista, cun show co que queremos deixar abraiado ao público, un show cheo de baile, música, harmonías, iluminación…”
“Prometemos traer unha proposta diferente e revivir a esencia das primeiras girl bands dos anos das décadas dos 90 e os 2000 do século pasado”, aseguran.
Ademais, auguran “un 2022 cheo de novos proxectos, non só polo seu estreo en Mos –localidade natal de dúas de nós-, senón porque este ano imos sacar música propia, que reunirá influencias do K-pop con ritmos urbanos e latinos. Os temas estarán escritos en castelán e aportarán unha mensaxe de empoderamento feminino e superación persoal”.
As mozas de Girl’s Gang abrirán proximamente un crowdfunding, unha plataforma online onde quen queira poderá facer aportacións para apoiar a financiación do seu primeiro EP de tres cancións. Darán todos os detalles ao respecto a través das súas redes sociais (@girlsgang.music).
As Girl’s Gang non son descoñecidas para o público mosense, xa que actuaron na programación do arco de meta en Herville da Etapa 20 de LA VUELTA 21, previa á chegada dos ciclistas, nos actos municipais organizados polo Concello de Mos con motivo do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, etc.

Foi en maio de 2021 cando as Girl’s Gang presentábanse oficialmente no Concello.
Girl’s Gang son as mosenses de San Rafael, parroquia de Pereiras, Antía Caride Otero e Tamara Casal Barbeito, e as viguesas Anabel Abalde Campos e Laura Martínez Puga (Law). Un grupo musical, nacido en 2020 en pleno confinamento pola pandemia da COVID-19.
Foi en plena pandemia cando Law lle escribiu a Antía a través dunha rede social para propoñerlle unha colaboración artística da que naceu o que hoxe é Girl’s Gang. Tras meses de chamadas telefónicas e videoconferencias, por fin comezaron a ensaiar xuntas presencialmente en xullo de 2020.
O seu peculiar concepto musical, que reúne voz e baile con elaboradas coreografías, fainas orixinais e singulares, pero o que aínda as fai máis únicas é o seu proxecto 100% feminino, xa que tanto os temas que interpretan, que son de temática totalmente feminina sobre aspectos relacionados coa muller en todas as súas facetas, familiar, sentimental, profesional, reivindicativa…; como o feito de que ademais elas, as 4 mulleres, encárganse de toda a produción que require o grupo no que cantan e bailan, as empodera no seu rol feminino.
Antía Caride asume no grupo o papel de coreógrafa e responsable de imaxe (estilismos e deseño) xa que domina estas disciplinas a nivel profesional, ao ser profesora de baile e estilista profesional para outros cantantes e proxectos de moda; ademais de ser tamén cantante noutro dúo musical.
Tamara Casal Barbeito, esteticista profesional que traballa nun centro de estética, así como de cantante nun coro, encárgase do deseño e execución dos maquillaxes do grupo.
Anabel Abalde Campos é, xunto con Antía, a outra coreógrafa do grupo; xa que profesionalmente ten unha escola de danza e traballa tamén como profesora de baile noutros centros.
Por último Law, profesora de canto, modelo e guionista profesional, asume en Girl´s Gang a responsabilidade das harmonías vocais. Por suposto as 4 cantan e bailan en todos os seus temas.
“Un verdadeiro exemplo de mulleres, mozas, emprendoras e autosuficientes, nunha industria, como outras, na que soe prevalecer a supremacía masculina, pero na que decidiron abrise paso quizais no peor momento posible pola crise sanitaria, algo que non as freou e que demostra, así mesmo, que son unhas valentes e un gran exemplo para a mocidade mosense”, declarou a alcaldesa de Mos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS