O Concello cédelles o uso dun local na Axencia de Colocación.
Celebrouse o acto de presentación da recentemente constituída Asociación de Hostaleiros/as ‘Bares Mos’ e a súa sede, sita nun local das dependencias municipais da Axencia de Colocación de Mos, que lles foi cedido polo Concello.
Trátase da antiga cafetería do edificio da Axencia de Colocación do Concello de Mos, cuxo uso se lles cede aos hostaleiros de Mos por parte da administración local, dando continuidade ao apoio total a este sector, un dos grandes damnificados pola pandemia da COVID-19.
Á presentación asistiron a Directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, para manifestar o apoio e colaboración da Xunta de Galicia á asociación e expoñerlles diferentes axudas autonómicas que poden solicitar e das que se poden beneficiar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Julia Loureiro, concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego; Esteban Cidanes, do Restaurante Esteban, presidente da Asociación de Hostaleiros/as de Mos e demais membros da directiva da asociación, integrada por representantes dos locais de hostalería O Alpendre, Quinta da Rivas, Tapería Baxiña, Tapería Lano, Floriano e Catering Jorge Lorenzo.
Nava Castro:
Nidia Arévalo:
Julia Loureiro e Esteban Cidanes:
‘Bares Mos’ é a asociación de bares e restaurantes de Mos que conta xa con 58 socios adheridos. Agora, unha vez constituída e dispoñendo dun local como sede para uso propio, desde a Asociación de Hostaleiros/as de Mos coa colaboración do Concello, comezaranse a organizar iniciativas que contribúan a dinamizar un sector, o da hostalería, que tanto leva sufrido a crise derivada das consecuencias da COVID-19.
Pola súa banda o Concello de Mos vén a demostrar unha vez máis coa cesión deste espazo na Axencia de Colocación para a Asociación de Hostaleiros ‘Bares Mos’, que está involucrado na axuda incondicional a este sector empresarial do municipio, ao que leva apoiando desde os inicios da pandemia con diferentes iniciativas e que incluso implicou a inclusión no orzamento municipal para o presente ano 2022 unha novidade moi destacable: a creación dun novo epígrafe de apoio á hostalería dotado dunha cantidade fixa anual de 10.000 euros que se irá revisando cada ano en función das necesidades. Respecto deste apoio á hostalería que incluirá campañas de promoción, dinamización e difusión, entre outras inversións, a alcaldesa destacou que “a crise sanitaria da COVID-19 marcou un antes e un despois para este sector e para a sociedade en xeral, e agora que os integrantes deste colectivo en Mos xa están constituídos como asociación, cómpre que desde as administracións nos adaptemos tamén á nova realidade”.