miércoles, noviembre 27, 2024
InicioNewsO PaísAs Letras Galegas 2022, adicadas a Florencio Delgado Gurriarán

As Letras Galegas 2022, adicadas a Florencio Delgado Gurriarán

A Real Academia Galega celebrará as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) cunha programación que achega propostas para todas as idades e que contará coa colaboración de novas figuras destacadas do tecido cultural do país.

 As iniciativas programadas comprenderán  dende o campo da investigación ata o audiovisual e abordarán os  tres perfís fundamentais do autor: “A dimensión como poeta e traballador da lingua que emprega o galego das terras de Valdeorras como ferramenta de creación, a de resistente democrático e a de figura fundamental do exilio mexicano nun momento de actividade extraordinaria” explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na rolda de presentación este luns na sede da Real Academia, na Coruña.

No acto, o presidente da RAG gabou o gran labor de recuperación da figura de Delgado Gurriarán que desenvolveron Ricardo Gurriarán e os promotores do proxecto as Letras de Florencio, que culminará nestas Letras Galegas 2022, unha celebración, subliñou, na que a institución traballará arreo para facer chegar ás rúas a importancia da súa figura e de todo o que representa. Farao cunha completa programación que se realizará co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, deputacións provinciais, concellos e a Fundación Barrié, entre outras entidades ás que lles agradeceu tamén a súa colaboración.

Destacan o papel fundamental de “integración” que Florencio Delgado Gurriarán concitou no exilio mexicano, no que foi “eixe vertebrador de todo tipo de actividades”, e destacou tamén a súa aposta pola lingua galega máis alá da poesía, defendendo o seu uso en todos os eidos, dende a medicina ao dereito. Pola súa banda, Débora Álvarez Moldes confiou en que as Letras Galegas 2022 sirvan tanto para revitalizar a figura de Florencio Delgado Gurriarán como para poñer en valor as terras de Valdeorras.

“Así como moitas veces visitamos polas Letras Galegas Buenos Aires, con Florencio Delgado Gurriarán a Academia viaxa simbolicamente por primeira vez no Día das Letras Galegas ao exilio mexicano. Alí, arredor do Padroado da Cultura Galega de México, houbo un momento de actividade extraordinaria na que Florencio Delgado Gurriarán tivo unha presenza activa moi importante, xunto a outras figuras como o xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa”, explica o presidente da RAG.

A institución deterase tamén por primeira vez nestas Letras Galegas nas terras de Valdeorras. A ocasión permitirá celebrar o galego desta Galicia oriental e a poesía dun autor “que encarna a cultura popular e a relaciona, nos anos 30, coas vangardas, cantándolles á alegría de vivir, ao viño, ás tradicións populares; e que máis adiante conecta coa poesía civil que critica o castrapo, os caciques e a visión de Galicia dos que a querían negar”, engade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS