A alcaldesa reuniuse cos conselleiros de Sanidade e Política Social para concretar esta iniciativa.
Tras meses de xuntanzas de traballo para concretar as alternativas de futuro para o antigo hospital psiquiátrico do Rebullón, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vén de reunirse cos conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Política Social, Fabiola García, para avanzar na transformación destas instalacións nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais.
Este encontro ao máximo nivel prodúcese unha semana despois dunha reunión de traballo cos equipos técnicos de ambas as dúas Consellerías, que serviron para continuar perfilando este gran proxecto de futuro para Mos.
Nidia Arévalo recalcou o “arduo traballo de estudo previo” no que se basea esta iniciativa e indicou que “dará servizos sanitarios e sociais a milleiros de persoas. Unha iniciativa altamente beneficiosa para a comunidade local e tamén para a comarca e para o sur da provincia de Pontevedra”.
Este gran complexo no Rebullón é unha das grandes apostas da alcaldesa de Mos para a presente lexislatura. Incluído no apartado social do seu programa electoral, solicitoulle actuar neste espazo á administración autonómica tocando ao final da pasada lexislatura, e a idea comeza a materializarse xa, tras tempo de traballo técnico previo, necesario para un proxecto destas características e envergadura.