sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasLouriñaRestaurados os murais contra a violencia machista no Porriño

Restaurados os murais contra a violencia machista no Porriño

O alcalde advertiu que dende o Concello «non se tolerarán comportamentos coma estes que demostran que queda moito por facer a prol da igualdade»

O Concello do Porriño vén de restaurar os murais contra a violencia machista que sufriran actos vandálicos e fai un chamamento á tolerancia e a poñer fin a calquera expresión de odio.

Estas obras, situadas en puntos negros do centro urbano onde se deron agresións machistas, foron instalados pola concellería de Igualdade o pasado 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, no marco da campaña «O amor non é violencia».

Son obras das artistas Eva Casais, Gemma Marqués, Tamara Baz e Lorena Arévalo, que reivindican as relacións de igual a igual entre persoas. Unhas semanas despois de ser instalados amenceron con pintadas e, pese a ser borradas, volveron ser atacados.

Ante estes actos vandálicos o alcalde, Alejandro Lorenzo, expresou a súa «condena firme» e recordou que dende o Concello «non se tolerarán comportamentos coma estes que demostran que queda moito por facer a prol da igualdade». O rexedor quixo agradecer a colaboración cidadá, xa que en canto a veciñanza tivo coñecemento das pintadas o transmitiron ao Concello que «os restaurou e devolveu ao seu estado inicial» e advertiu o fará «tantas veces como sexa preciso para demostrar que a mensaxe que estes murais representan é moito máis forte que calquera expresión de odio. A intolerancia non ten cabida no Porriño».

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Carolina González, acudiu a ver os traballos de restauración dunha das obras, que desenvolveu a propia autora, Tamara Baz. «Quen pretenda silenciar as reivindicacións feministas e contra a violencia machista debe saber que non o vai conseguir no Porriño», advertiu a concelleira. «Queda moito por facer neste eido, pero o faremos con firmeza e sen dar ningún paso atrás». González explicou que unha vez borradas as pintadas os murais foron cubertos con verniz para que calquera ataque posterior poida borrarse con facilidade e sen danar a obra.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS