Súmase á iniciativa do Centro Dramático Galego que subvenciona o transporte a Santiago para poder gozar da obra «A Peste»
Desde a Concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos proponse unha nova actividade cuxo prazo de inscrición abrirase mañá martes, 1 de febreiro.
Trátase dunha iniciativa que pretende achegar o teatro á veciñanza mosense e para elo os interesados poderán contar con transporte gratuíto para asistir a unha obra profesional en Santiago de Compostela, tendo que aboar unicamente 6 euros por persoa en concepto de entrada. Esta interesante actividade conta con subvención do Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego.
Será o 19 de febreiro con saída ás 17:45 horas desde o Multiusos das Pozas
A obra da que poderán gozar os participantes na iniciativa é A Peste, inspirada na novela de Albert Camus e con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó. Trátase dunha producción do Centro Dramático Galego que se representa no Salón Teatro de Santiago.
A iniciativa leva por título ‘Sobes ao autobús do teatro?’ e atópase incluída no Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego.
A data en que se realizará a actividade será o 19 de febreiro con hora de saída ás 17:45 horas desde o Multiusos das Pozas. A hora de regreso será ás 00:00 horas.
O prezo da entrada é de 6 euros e o prazo de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 17 de febreiro. Trátase dunha actividade para maiores de 18 anos para a que será obrigatorio presentar o certificado de vacinación COVID.
Para máis información e inscricións, na Sede Electrónica ou na oficina de Participación Cidadá (OMIX) do Concello de Mos