martes, noviembre 26, 2024
InicioNewsO PaísSalceda de Caselas prepárase para celebrar o seu Entroido 2022

Salceda de Caselas prepárase para celebrar o seu Entroido 2022

O Concello de Salceda de Caselas traballa xunto aos barrios da Feira e do Castro Barreiro, na organización do Entroido 2022. Unha festa con moitísima tradición no municipio que volverá tras o parón do ano pasado pola COVID-19.

Ademais do centenario enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro, o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, ultima a elaboración das bases e do protocolo para a celebración do XXIII Desfile de Carrozas e Comparsas o domingo 27 de febreiro, logo de reunirse coas comparsas do Concello, nunha xuntanza na que se apostou pola celebración do evento dun xeito seguro.

Todos os colectivos implicados coinciden na importancia de recuperar o evento máis importante da axenda cultural de Salceda, aínda que a celebración nas tradicionais datas estará condicionada pola incidencia de contaxios da COVID19 e polas posibles restricións que aplique a Xunta de Galicia, que xa anunciou un protocolo específico para estas festas.

Unha das citas que si están aseguradas é a parte do Entroido Tradicional, coa actuación do Rancho de Entroido no mediodía do domingo. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa formación, composta por seis danzantes e dúas damas, ademais dos característicos cabaleiros, encargados de abrir o paso entre o público.
Alex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “Apostamos por recuperar a nosa festa máis tradicional e importante, na que somos un referente e na que temos a obriga de apoiar aos nosos colectivos. Este ano en Salceda celebrarase un Entroido seguro, no que estamos seguros que tanto a veciñanza coma os colectivos gozarán de novo con esta celebración”.

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: «Salceda prepárase para retomar o histórico Entroido, despois do parón do ano pasado pola COVID19. Un entroido que non sería posible sen o esforzo das asociacións de A Feira e do Castro Barreiro que traballan por manter viva esta tradición centenaria e tamén ás comparsas que enchen de ledicia, cor e humor as nosas rúas no domingo de Entroido»

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS