martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO Concello reúnese coas asociacións afectadas pola estrada Puxeiros-Mos

O Concello reúnese coas asociacións afectadas pola estrada Puxeiros-Mos

Trataron a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil neste viario provincial

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto; o edil de Urbanismo, José Areal e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, veñen de reunirse esta semana con dúas das asociacións veciñais das parroquias afectadas pola estrada provincial Puxeiros-Mos, concretamente coa Asociación de Veciños Santa Eulalia de Mos e Asociación de Veciños de Dornelas.

Primeira fase da humanización – Mos

No caso da parroquia de Mos o obxecto da xuntanza foi o de informar á veciñanza de que xa se atopa rematado o proxecto da primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos, que beneficiará ao tramo que transcorre pola devandita parroquia desde o punto quilométrico 0+020 ata o 0+600. Así mesmo, atópase xa próximo o inicio da contratación da obra, pois incluirase no Plan Concellos 2022 e xa está redactado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación de Pontevedra, que establece unha financiación ao 30% municipal e 70% provincial, cuxa sinatura producirase proximamente.

As accións que se levarán a cabo no viario son basicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil mediante creación da senda; adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada; execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións; execución do pavimento da nova ordenación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra; reforzo do firme da calzada no viario municipal mediante fresado e reposición da capa de rodadura e reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito e instalación de mobiliario urbano.

A obra requirirá de actuacións previas e movemento de terras. Comezaranse os traballos coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobreancho necesario para a nova sección, procederase ao saneo do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado. En canto á drenaxe, debido á solución proxectada será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do viario. A auga superficial será recollida pola reixas e sumidoiros contiguos ao viario que conducirán a auga, a través de tubaxes ata os puntos de vertedura. Renovarase por completo a iluminación do viario, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións.

O prazo de execución previsto para as obras é de seis meses

Para a financiación desta primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos asinarase un convenio que establece as condicións da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos para a execución do proxecto titulado “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP 2601 Mos- Puxeiros dende o PQ 0+020 ata o PQ 0+600”.

O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 €. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras serán financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos mediante a achega da Deputación de Pontevedra 312.581,77 € (70%) e Concello de Mos 133.963,62 € (30% do importe das obras).

Segunda fase da humanización – Dornelas

Pola súa banda, durante a reunión coa Asociación de Veciños de Dornelas, tratouse sobre o proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo da estrada Puxeiros-Mos que transcorre por esta parroquia, e que se atopa en proceso de redacción por parte dos técnicos da Deputación.

Desde o Concello de Mos xa se mantivera unha reunión previa para analizar o primeiro borrador do devandito proxecto e, nesta última xuntanza, os veciños xa lle transmitiron ao Concello as súas aportacións ao documento para mellorar a seguridade, aportacións que desde a administración local lle serán remitidas á Deputación para a súa inclusión no proxecto definitivo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS