O Club Rosaleira organizou un curso de tecnificación da man do campión Pierluca Tocco.
O Pavillón Óscar Pereiro acolleu a pasada fin de semana o I Campus de Patinaxe Artística “Concello de Mos” organizado polo mosense Club de Patinaxe Rosaleira. O curso de técnica libre foi impartido polo adestrador internacional Pierluca Tocco.
A presidenta, Andrea Conde Rodríguez, e a adestradora do Club Rosaleira, Beatriz Fernández Bahamonde, informaron de que participaron no curso un total de 60 patinadores e patinadoras de diferentes niveis e clubs, desde o nivel 4 ata Amateur, Rexional e Nacional. Por clubs participaron 18 patinadores do mosense Rosaleira, 11 do Berenguela de Santiago, 15 do Ánfora do Morrazo, 7 do Luar de Ponteareas e 9 do Vagalume de Vigo.
Andrea Conde declarábase “moi satisfeita cos resultados do taller de tecnificación que impartimos cun adestrador de primeira, o italiano Pierluca Tocco”.
Tocco é un patinador profesional cunha ampla traxectoria deportiva. Foi Sub Campión do Mundo de Patinaxe Artística nos anos 2007 e 2009 e Campión de Europa en 2007. Actualmente ten o título de adestrador internacional.
O devandito título permitiulle a Pierluca impartir esta fin de semana en Mos un curso de tecnificación cen por cen ocupacional que incluíu desde danza ata pista, flexibilidade, expresión corporal, etc. Un curso polo que os participantes recibiron a súa correspondente certificación oficial.
A disciplina docente deste patinador baséase, segundo informan desde a directiva de Rosaleira, en entender a patinaxe desde outro punto de vista. Un punto de vista divertido pero obtendo resultados de máxima efectividade, deixando a un lado o estrés e a presión.
Club Rosaleira e Concello de Mos xa están a estudar a posibilidade de organizar un novo campus, máis longo e ambicioso, durante o vindeiro verán. Un campus de maiores dimensións para o que se contaría novamente coa presenza de Pierluca Tocco e con outros adestradores doutros niveis pero coa súa mesma forma de entender a patinaxe artística.
O curso impartido a pasada fin de semana foi posible grazas ao empeño e dedicación do Club Rosaleira, que vendeu rifas de Nadal para sufragar ao 100% o pago do adestrador e cobrar unicamente aos participantes na súa inscrición o importe correspondente á manutención dos dous días de taller