lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA Xunta reforzará o centro de saúde do Rosal

A Xunta reforzará o centro de saúde do Rosal

O conselleiro de Sanidade reuniuse coa alcaldesa desta localidade, á que trasladou a prioridade que o Sergas está a dar e seguirá dando ao centro do Rosal nas novas medidas de reforzo de recursos humanos.

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, para trasladarlle as melloras que a Xunta prevé incorporar na asistencia sanitaria deste municipio.

Na xuntanza, á que asistiu tamén o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, informouse ao concello da problemática existente no centro de saúde pola baixa prolongada de dous dos tres médicos de familia cos que conta o centro de saúde do Rosal, situación pola que o Sergas considera prioritario este centro en todas as medidas de reforzo de recursos humanos. 

«Dada a existencia dun problema xeral en toda España de carencia de profesionais de medicina familiar e comunitaria», segundo apuntou o conselleiro, quen informou á alcaldesa de que a Xunta ten solicitado ao Ministerio medidas urxentes como a convocatoria extraordinaria de novas prazas MIR ou a creación dunha especialidade de Medicina de Urxencias que permita aproveitar a totalidade das prazas formativas de medicina de familia para formar especialistas neste eido. 

Neste contexto, a administración autonómica asevera que «ante a ausencia de avances nese sentido por parte do Ministerio, a Xunta ten tomado medidas como a inclusión na lei de medidas fiscais e administrativa para 2022 da creación dunha nova categoría de facultativo especialista de atención primaria cuxas prazas serán cubertas por concurso de méritos, co fin de poder captar profesionais e atender así as carencias de persoal, así como da habilitación da categoría de técnico de saúde (licenciados en medicina) para levar a cabo funcións de apoio ao persoal médico de atención primaria na xestión de incapacidades temporais, no traballo de prevención da enfermidade, etc»

A Xunta pretende utilizar estas medidas, que veñen de entrar en vigor e teñen agora que ser desenvolvidas, para atender de xeito preferente situacións como as do centro de saúde do Rosal. Polo momento, a Xunta xa ten priorizado ao Rosal na única medida de reforzo de persoal en atención primaria que ten ofrecido o Ministerio de Sanidade: a habilitación de contratación de reforzo de persoal médico xubilado. 

Así, o centro do Rosal conta xa nestes momentos co apoio dunha médico xubilada que está a atender de forma telemática a pacientes. Entre outras medidas complementarias tamén se contará co apoio dunha ampliación de xornada, retribuída do xeito correspondente, do persoal médico e do persoal farmacéutico, ao que o Sergas está a potenciar para axudar a descargar traballo dos médicos de familia.  

Mellora da infraestrutura do centro

García Comesaña informou tamén a alcaldesa do Rosal de que o centro de saúde deste municipio aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a reforma e ampliación deste centro de saúde tendo en conta a súa antigüidade (30 anos) e a constatación de que as súas instalacións xa non están adaptadas para poder incorporar novos profesionais e servizos.

Así, o plan funcional que guiará esta reforma prevé a ampliación do actual centro de saúde en dúas consultas de medicina de familia, dúas máis de enfermaría, un despacho de traballo social, unha sala de técnicas, unha sala de infecciosos, o reforzo da área de pediatría con sala de espera e aseos propios e a mellora da área de persoal cunha sala de xuntas e un almacén.

Para poder iniciar nesta lexislatura esta reforma e ampliación, o conselleiro anunciou á alcaldesa que, antes de que remate o mes de xaneiro, técnicos da Consellería de Sanidade realizarán unha visita na que se avaliarán todas as posibilidades para poder levar a cabo as obras que sexan precisas e que, sen ningunha dúbida, redundarán na mellora da asistencia sanitaria para toda a poboación do concello do Rosal. 

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 94 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Pontevedra, prevé construír 13 novos centros de saúde, nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Vigo (o CIS Olimpia Valencia, coa obra xa licitada), Moaña (co proxecto xa adxudicado), Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas, A Guarda, Barro, Meis, Ponteareas e Mos e reformar e ampliar os centros de Moraña e O Rosal.

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución de outros xa en marcha como a construción do Centro Integral de Saúde de Lalín ou a ampliación do centro de saúde de Porriño (co contrato de obra xa a piques de adxudicarse), a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS