jueves, noviembre 28, 2024
InicioComarcasO CondadoRescatadas dúas mulleres da súa casa incendiada en Mondariz

Rescatadas dúas mulleres da súa casa incendiada en Mondariz

Nai e filla. Dúas mulleres de 89 e 70 anos foron rescatadas este mércores á tardiña da súa casa no barrio de Campo de Mouro, na parroquia de Mouriscados (Mondariz). A orixe do lume descoñécese pero as lapas avanzaron con moita celeridade causando o derrube do interior da vivenda, de dúas alturas, ao ser completamente de madeira.

Eran ao redor das 19.00 horas, cando un particular alertou do incendio. As mulleres foron rescatadas polo balcón. A muller de 70 anos, con máis mobilidade, foi evacuada polos veciños que empregaron unha escaleira para que puidera baixar. A súa nai, de 89 anos, impedida, foi evacuada, tamén polo balcón, polos dous bombeiros de Ponteareas desprazados ao incendio axudados polos veciños. Os bombeiros situaron o seu camión debaixo do balcón para rescatar á anciá.

Ámbalas dúas mulleres foron trasladadas ao hospital afectadas pola inhalación do fume, así como tamén un veciño que resultou afectado ao axudar nas tarefas de rescate.
Coas dúas mulleres vivía tamén un neto que non se atopaba na vivenda cando se iniciou o incendio.

Os bombeiros do Porriño tamén se desprazaron ao lugar e axudaron a sufocar o incendio unha vez que as dúas vítimas xa foran rescatadas.

A vivenda de pedra no exterior era completamente de madeira no seu interior, por iso, as lapas avanzaron con moita celeridade causando o derrubamento do chan do primeiro andar sobre o soto.

«É imposible saber cal foi a orixe do incendio tendo en conta que a casa quedou totalmente destruída por dentro e calcinada polas lapas» explica un dos dous bombeiros de Ponteareas que actuaron no rescate e extinción das lapas, quen tamén detalla que «cando chegamos a casa estaba chea de fume e as lapas comezaban pero a nosa prioridade era rescatar a vítima, e unha vez a rescatamos ao ser todo o interior xa estaba ardendo ao ser de madeira».

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS