Se as condicións meteorolóxicas o permiten será o vindeiro domingo, día 2 de xaneiro, a partir das 18.00 horas
Así o acordaron os rexedores municipais. Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo informaron de que esta é a primeira mostra do novo tempo nas relacións de ambos concellos. Os dous alcaldes mantiveron este martes dúas xuntanzas, a primeira no Concello do Porriño e a segunda na rotonda das Angustias. Nesta última acordouse organizar un único desfile das rondallas que partirá de ámbalas localidades e se cruzarán en dous puntos.
A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres dende a Avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño.
Tamén onte se reuniron os responsables das catro agrupacións mosenses (Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso) e as dúas porriñesas (Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas) para resolver os detalles da posta en escena do desfile.
Os dous rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estritamente cos protocolos anti-Covid esixidos pola autoridade sanitaria e coa vixilancia da Policía Local de ambos concellos.
Ademais, dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. Con todo, o mesmo será retransmitido por streaming.
Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo anuncian plena coloboración
Lorenzo manifestou que “considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para desfrute de todos”.
A alcaldesa de Mos e o alcalde de Porriño mantiveron este martes unha primeira reunión de traballo que simboliza o pleno restablecemento das relacións entre ambos concellos.
Arévalo avanzou que «tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga. Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos». Pola súa banda, Lorenzo valorou que «temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes».