Os socialistas retomaron as negociacións coas concelleiras de Eu Son, pero é o voto de Manuel Carrera o decisivo e xa fixo pública a súa negativa para investir a Moure como rexedora.
Faltan 24 horas para que se celebre o pleno de investidura no Concello de Porriño e, a día de hoxe, é imposible que a candidata socialista, Lourdes Moure, teña o bastón de mando do municipio. O PSOE retomou as negociacións coas concelleiras de Eu Son este martes pola tarde pero aínda lle falta o voto decisivo do concelleiro que representa a UDDL, Manuel Carrera, que xa fixo público que non acepta a Moure como alcaldesa e así tamén llo comunicou aos dirixentes provinciais e locais do partido. De feito, algunha das súas declaracións foi que «o próximo alcalde será natural do Porriño, de Cans ou de Chenlo», en referencia a que si apoiaría a David Alonso como candidato.
Segundo as normas do Réxime Electoral Xeral, poden postularse como alcalde ou alcaldesa aquelas persoas que encabecen as listas dos grupos políticos polo que, deste xeito, para que David Alonso sea o candidato dos socialistas teñen que renunciar dous concelleiros do PSOE, Lourdes Moure e Sergio Casal. Unhas renuncias que, polo de agora, non se produciron.
Así as cousas, sen o voto a favor do concelleiro Manuel Carrera, abrese a posibilidade de que sexa o candidato da lista máis votada nos comicios o que quede como alcalde do Porriño, que, neste caso, é o popular Alejandro Lorenzo.
«Son máis desexos que realidade»
As dúas concelleiras de Eu Son retomaron as negociacións co PSOE do Porriño este martes pola tarde e a súa voceira, Patricia Sio, di que «a día de hoxe son máis desexos que realidade o acordo» en relación aos rumores que existen sobre que xa hai un acordo para investir a Lourdes Moure como rexedora. Sio insiste en que «non hai ningún acordo».
«Non están á altura das circunstancias»
Pola súa banda, a dirección local do BNG do Porriño considera responsables da situación tanto ao grupo de Eu Son como ao do PSOE da falta de acordo nunha investidura que pode permitir a entrada do PP. Din nun comunicado os nacionailstas que «a situación de emerxencia alegada por EU-Son para negociar unha moción de censura co PP, e a estratexia de bloqueo que compartían no pleno, só serviu para que a anterior alcaldesa dimitira» en referencia a Eva García de la Torre e, neste sentido, o BNG lamenta que «nin o PSOE nin EU-Son tiveran estado á altura das circunstancias». Din que pola parte dos socialistas por «non promover as negociacións, na procura dunha persoa candidata de consenso; e pola de EU-SON por ter creado esta situación e priorizar persoas e cargos diante de iniciativas e proxectos para mellorar a vida do concello»