viernes, noviembre 29, 2024
InicioComarcasLouriña"É responsabilidade do PSOE chegar a un acordo no Porriño"

«É responsabilidade do PSOE chegar a un acordo no Porriño»

A responsable local do BNG no Porriño asegura que «non temos ningún medo a desprendernos da tenencia da alcaldía» para chegar a un acordo coas forzas de esquerdas.

 

Faltan 48 horas para que o pleno do Porriño elixa a un novo alcalde ou alcaldesa do municipio e, a día de hoxe, as forzas de esquerda non conseguiron chegar a un acordo para manter o goberno. Necesitan 9 votos a favor, os catro do PSOE, os dous do BNG, os outros dous de EU SON e o voto decisivo de Manuel Carrera, que xa manifestou, ao igual que as concelleiras de Eu Son, que non apoiarían á candidata dos socialistas, Lourdes Moure. 

Segundo o Réximen Electoral Xeral poden presentarse como candidatos á alcadía aquelas persoas que encabecen as listas dos grupos políticos. Neste caso, ao renunciar como rexedora Eva García de la Torre, é Moure a candidata dos socialistas, Alejandro Lorenzo o do Partido Popular, Pedro Pereira o do Bloque Nacionalista Galego, Blanca Francés é a de Eu Son e Manuel Carrera o que representa a UDDL. Así as cousas, para que Moure deixe paso a outra persoa de consenso tería que renunciar como cabeza de lista, algo que , polo de agora, non ocorreu.

Neste contexto, as concelleiras de Eu Son celebran este martes, pola tarde, un consello «urxente» que xa anunciaron o sábado para decidir o seu voto no pleno de investidura. Segundo a voceira, Patricia Sio, «veremos cales son as opcións» e «se non hai candidato de consenso, temos que ver que votamos, ou a quen se postulen ou en branco».

Segundo fixo saber o PSOE cunha nota de prensa, unha das peticións das concelleiras de Eu Son para chegar a un acordo é a tenencia de alcaldía, que agora ostenta o Bloque Nacionalista Galego. Entende a responsable local nacionalista, Miriam Martínez, que «nas negociacións sempre empezan cunhas peticións de máximos» pero que «non temos ningún medo a desprendernos da tenencia de alcaldía porque o importante é sacar adiante os proxectos». Entende Martínez que «é responsabilidade do PSOE chegar a un acordo porque é o grupo que ten maís actas». A opción de Pedro Pereira é «para desencallar a situación».

A entrevista completa con Miriam Martínez para os informativos locais e comarcais de Si Radio de Galicia:

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS