O coche que conducía envorcou.
Un home foi localizado falecido esta tarde logo de envorcar o vehíuclo que conducía nas proximidades da parroquia de Cristiñade, en Ponteareas. Segundo sinalaron ao 112 Galicia os medios desprazados ata o punto o accidente puido terse producido onte.
Arredor das 17:30 horas, un particular informaba ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia de que un todo terreo estaba envorcado, concretamente, nunha pista de terra próxima ao lugar de O Puño. Nesa mesma comunicación, o alertante indicaba que podería haber xente no interior do automóbil.
Así, o 112 puxo en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, Policía Local, dos GES de Ponteareas e Protección Civil da localidade o suceso.
Xa no lugar dos feitos, os servizos de emerxencias confirmaban ao 112 Galicia que había unha persoa dentro do vehículo e que os servizos sanitarios tan só puideron certificar o seu falecemento.