domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta estuda ampliar o uso do certificado covid a máis ámbitos

A Xunta estuda ampliar o uso do certificado covid a máis ámbitos

Comesaña descarta que España teña previsto, de momento, aprobar novas restriccións polo elevado aumento dos casos de coronavirus. O Consello Interterritorial de Saúde Pública non as abordará hoxe. A Xunta si prevé ampliar o requisito do certificado covid a máis ámbitos.

Na orde do día da reunión de hoxe do Consello Interterritorial non se inclúe que se vaia adoptar algunha restrición sobre limitacións dos encontros sociais ou familiares. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirma que a Xunta estuda ampliar a obriga do certificado covid a outros ámbitos, ademais do ocio nocturno, a restauración e a hostelaría, pero que neste momento están preparando a documentación para que, se chega o caso, haxa que presentala ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que é quen dá luz verde a estas medidas.

No Comité Territorial «validará moitos dos temas sobre os que leva traballando desde hai tempo, ademais de repasar a situación epidemiolóxica». Analizarase, entre outros asuntos, a situación epidemiolóxica tras a aparición de casos da variante ómicron en España e a vacinación das terceiras doses e dos nenos de entre 5 e 11 anos.

O conselleiro descartou por agora incrementar os controis actuais sobre os viaxeiros que visiten Galicia nas próximas datas e tampouco se reestablecerán os dispositivos de control nos aeroportos.

Julio García Comesaña considera que a situación nos hospitais é «complicada, pero asumible». Para o conselleiro son varios factores os que conflúen para tensionar o sistema sanitario. Por unha banda, o incremento da hospitalización, «de momento leve, asumible, pero un incremento ao fin e ao cabo». Por outra, a propia época do ano caracterizada por unha elevada afluencia aos hospitais.

Julio García Comesaña confirma que as probas PCR convencionais «poden detectar a variante ómicron e non é necesaria a secuenciación». En caso de que afloren casos infectados con esta variante, lembrou, os contactos destas persoas contaxiadas tamén deben facer a corentena aínda que estean vacinadas.

Neste momento de repunta da pandemia, os novos contaxios prodúcense, segundo o conselleiro, sobre todo en encontros festivos e de ocio que despois se transmiten a outros ámbitos, como o laboral, «onde se está detectando algún gromo importante».

Sobre a vacinación dos nenos de entre 5 e 11 anos, García Comesaña asegurou que comezarán a administrar as primeiras doses en canto cheguen, pero a Xunta descoñece aínda de cantos virais vai dispoñer e das datas de entrega.

García Comesaña mostrouse a favor de que a lexislación autonómica, nacional ou europea recolla a posibilidade de decretar a vacinación obrigatoria, «polo menos para algúns grupos». O conselleiro lebrou que «hai países en Europa que xa estableceron que os sanitarios que non se vacinen poder perder incluso o seu posto de traballo».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS