Representantes das asociacións veciñais reuníronse coa alcaldesa pero reclaman un encontro urxente a tres bandas na que estea presente a Deputación.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e Sara Cebreiro, reuníronse no Centro Dotacional de Torroso con representantes das asociacións das parroquias do municipio afectadas pola estrada provincial Puxeiros-Mos, que son Dornelas, Torroso, Mos e Tameiga.
A xuntanza foi convocada a petición dos representantes veciñais para analizar os pasos dados e os pendentes respecto do proxecto de humanización da estrada Puxeiros-Mos comprometido pola Deputación de Pontevedra.
Posto que o presente ano 2021 está chegando ao seu fin, a preocupación e incerteza veciñal é crecente, dada a demanda histórica por parte destes colectivos da tan necesaria humanización, que levan reclamando tanto tempo.
Na última reunión celebrada sobre este tema a tres bandas entre Concello, Deputación e representantes veciñais, a administración provincial adquiriu o compromiso de comezar a humanización co proxecto dun primeiro tramo que englobaría a parroquia de Mos, por ser pola que transcorre o Camiño de Santiago, e continuar con Dornelas como seguinte proxecto.
O proxecto da primeira fase relativa ao tramo da parroquia de Mos chegou ao Concello, quen lle trasladou á Deputación puntualizacións importantes a ter en conta sobre o mesmo.
Por outra banda, a segunda fase que mellorará o tramo correspondente á parroquia de Dornelas, conta tamén con proxecto rematado, segundo puideron saber os representantes municipais, á espera de que lle sexa trasladado ao Concello de Mos para a súa correspondente supervisión e revisión técnica.
Ante a lentitude do proceso e a longa espera por parte da veciñanza, os representantes das asociacións piden que se axilicen o máximo posible ambos proxectos e piden unha nova reunión urxente, a tres bandas, entre eles, representantes e técnicos municipais e da Deputación e o deputado de Infraestruturas e Vías, Gegorio Agís, para valorar os proxectos da primeira fase en Mos e segunda fase en Dornelas da humanización da estrada Puxeiros-Mos.
Desde o Concello de Mos saiu esta mesma mañá unha carta da alcaldesa dirixida a Agís solicitando a devandita xuntanza con carácter urxente