Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González participaron este martes no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia.
Defender o futuro das vindeiras xeracións comeza por un maior coidado do medio ambiente, para poder “vivir nunha contorna san e limpa e gozar do contacto coa natureza”. Así o salientaron os representantes do Consello da Infancia de Ponteareas Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González, que participaron este martes en Santiago de Compostela no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia xunto a rapaces e rapazas dos concellos de Cabanas, Castrelo de Miño, Moeche, Nigrán, O Porriño, Redondela, Moaña, Teo e Tomiño, onde presentaron as conclusións do II Encontro galego de participación infantil e adolescente en relación co coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
En representación do Consello ponteareán, Juan Vázquez subiuse á tribuna do Parlamento galego para expor as preocupacións da infancia e mocidade polo maltrato animal, a extinción de especies, a tala de árbores, os incendios ou mesmo a propagación da velutina e reclamar medidas concretas dende as administracións para vivir en municipios medioambientalmente sostibles. “Supoño que a nosa idade, e o que temos traballado tanto a nivel particular como no colexio nesta temática, fainos máis conscientes da gravidade do problema e da necesidade urxente de actuar. Non obstante, ás persoas maiores cústalles entender a urxencia, por iso pensamos que igual se deberían por en marcha campañas de concienciación para eles e elas”, salientou.
Vázquez rematou recalcando o compromiso de nenos, nenas e adolescentes co medio ambiente fronte aos titulares destacados tras o último cumio do clima, que “falan de que os gobernos seguen a retrasar a toma de medidas concretas, fixando metas no futuro que non lles comprometan a curto prazo. Nós algo teremos que facer…”.
Durante o encontro o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, agradeceu o “compromiso ambiental” da infancia e da mocidade galega “que teñen firmemente interiorizada a defensa do medio ambiente, unha realidade na que temos depositadas firmes esperanzas”. O acto tamén contou coas intervencións da presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito; das deputadas Olalla Rodil, Marina Ortega e Noelia Pérez; da subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, María del Mar Ferreiro; e do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellaría de Política Social, Jacobo Rey.