Non son cans nin cadelas os que ouriñan contra a catedral de Lugo, son persoas, especialmente mozos, e estase a converter nalgo tan habitual que xa está a causar danos na propia fachada da catedral. As multas poden acadar os 900 euros.
A Policía Local de Lugo multou a outros 17 mozos nunha soa noite por ouriñar en diversos espazos do recinto histórico da cidade das murallas.
Entre eles, figura a contorna da catedral, que conflúe con outros dous bens culturais que tamén son Patrimonio da Humanidade, a muralla romana e mais o Camiño Primitivo.
Dende o bispado sinalan que as miccións están a danar elementos como o pórtico da porta norte.
Ante o que está a acontecer, dende o bispado de Lugo mesmo barallan a posibilidade de pechar polas noites o pórtico norte e incluso o adro.
Este pórtico xa estivo pechado e estudan volver pechalo para protexelo.
En total, nas últimas semanas foron multadas unhas 60 persoas por ouriñar no centro da capital luguesa, con sancións que poden acadar os 900 euros.