martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaA alcaldesa de Porriño, disposta a dimitir para evitar a moción de...

A alcaldesa de Porriño, disposta a dimitir para evitar a moción de censura

Non entregará a acta de concelleira.

A alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, vén de informar que está disposta a dimitir do seu cargo de alcaldesa para evitar a moción de censura que negocian os grupos de Eu Son e Partido Popular. Con todo, pon unha serie de condicións porque «isto non pode ser un intercambio de cromos» e é que non entregará a a acta de concelleira e pide que as representantes de Eu Son se comprometan a apoiar ao goberno municipal en asuntos que teñen que ver cos investimentos na localidade.

Unha proposta que non convence a voceira de Eu Son, Patricia Sío, porque «non cremos nada do que diga esta señora» xa que «hoxe di que marcha e mañá, non». Apunta Sío a que «ten que marchar da corporación» porque «tan indigna é como alcaldesa que como concelleira». Intúen que se non entrega a acta «seguirá como rexedora na sombra». Así as cousas, di a voceira, «reunímonos co PP se non hai datos oficiais».

O BNG pide «tender pontes»

O socio de goberno de Eva García de la Torre, o BNG, reclama «tender pontes» para garantir un goberno de esquedas no Porriño porque o municipio, din, «non se poder ver prexudicado por enfrontamentos enquistados que están a impedir chegar a acordos e aprobar iniciativas en beneficio da cidadanía» e recoñecen que «botamos en falta un debate sobre propostas e ideas» polo que «pedimos abandonar debates estériles que non achegan solucións e que só reflicten falta de proxecto político».

A Responsable Local, Míriam Martínez Troncoso, volve facer un chamamento á cordura e explica que “desde o Bloque pedimos a PSOE e EU-SON reflexionar e retomar a vía do diálogo para garantir un goberno estable que impida a entrada do PP, que paralizaría este avance. As persoas non poden ser obstáculo para o entendemento”.

Poñen como exemplo a negociación do orzamento que «é  o momento de demostrarlle á veciñanza que existe unha alternativa real de goberno ao PP no Porriño” segundo declara Pedro Pereira, voeiro do grupo municipal. “É o momento da política de verdade, de aportar en positivo. Precisamos unhas contas que permitan levar a cabo os proxectos que O Porriño precisa. É o noso deber e o que nos demanda a cidadanía”.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS