O cambio de localización desta actividade permitirá continuar a humanización no tramo final da Avenida de Puxeiros e que a zona creza en vivendas
O Concello de Mos acolleu unha reunión entre os xefes territoriais de Medio Rural e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Antonio Crespo e José Manuel González, respectivamente, os propietarios do serradoiro do Alto de Puxeiros, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil de Urbanismo, José Areal; e tres técnicos deste útimo departamento municipal (enxeñeira, arquitecto e xurídico).
A xuntanza realizouse en aras de colaborar coa empresa na súa busca de nova localización para trasladar o serradoiro, o que lle permitiría tamén ao Concello continuar a humanización de Puxeiros no tramo final da Avenida que queda por humanizar, e que a zona creza en vivendas; pois a previsión é de que no lugar no que agora se atopa o serradoiro se constrúa vivenda en altura, así como unha gran praza e parque públicos.
Deste xeito quíxose trasladar aos diferentes organismos da administración autonómica competente, e coordinar con eles, as vías para este traslado e as opcións de solo ás que poderían trasladar o serradoiro.
Da reunión celebrada extraeuse a conclusión de que a empresa podería instalarse en solo rústico, polo que xa se está a tramitar á solicitude á Xunta para que se autorice o traslado de solo urbano non consolidado (onde agora de atopa) a solo rústico.
A vontade de colaboración e consenso entre todas as partes: empresa, Concello e Xunta é total e traballarase conxuntamente para axudar aos propietarios do serradoiro no traslado da súa actividade a outro lugar, pero sempre dentro do termo municipal de Mos.