Noelia Sías logra por segunda vez consecutiva a prata no concurso nacional do Mellor Artesán Florista e con tal motivo foi recibida pola corporación municiapal.
A florista mosense Noelia Sías Villaverde, traballadora de Floristería Lola, participou do 29 de setembro ao sábado 2 de outubro no ‘MAF’, concurso nacional do Mellor Artesán Florista que se celebrou en Burgos, obtendo o segundo posto, por detrás do sevillano Julio Boza. Foi unha final complicada, con pouco tempo para un traballo difícil e uns contrincantes de nivel. Sías logrou así a segunda prata nesta competición, tras ter quedado subcampioa en 2019 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).
E para felicitala por este novo éxito, o Concello de Mos organizou unha recepción na súa honra que se celebrou no salón de sesións da casa consistorial coa presencia da alcaldesa, Nidia Arévalo; o tenente alcalde, Camilo Augusto; a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro; Juan Lago de Floristería Lola e demais membros da corporación municipal.
Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola. A florista mosense destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 37 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”. Sías formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista. Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.
Arévalo declarou sobre este novo título de Noelia que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España en dúas edicións consecutivas do concurso nacional”. A alcaldesa felicitouna por presentarse e quedar novamente 2ª nesta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.
O xurado do MAF avalía en cada unha das probas do concurso aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.