lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasO CondadoA seguridade viaria da N-120 en Ponteareas, fóra dos Orzamentos do Estado

A seguridade viaria da N-120 en Ponteareas, fóra dos Orzamentos do Estado

Ponteareas esixe unha partida específica de 4 millóns nos orzamentos do Estado para a seguridade na N-120.

O goberno municipal de Ponteareas, formado polo BNG e PSdG-PSOE, avaliou este venres o proxecto de orzamentos presentado polo goberno do Estado para o seu debate e aprobación no Congresos dos Deputados. No documento non figura ningunha partida específica para a seguridade viaria na N-120 ao seu paso por Ponteareas, para a variante prevense só 100.000 euros e respecto á ampliación da depuradora orzaméntanse 10 millóns de euros.

A alcaldesa Cristina Fernández, e a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, consideraron “inaceptábeis para Ponteareas” as previsións do Ministerio de Mobilidade e esixiron que se recolla unha partida específica para o proxecto de mellora da seguridade na N-120, cuxo custo está cifrado no proxecto do Ministerio nuns 4 millóns de euros. “O goberno do Estado debe cumprir o seu compromiso con Ponteareas e esa cantidade debe figurar expresamente nos orzamentos para a seguridade viaria en Ponteareas”, sinalaron Fernández e Garrote.

A alcaldesa e a primeira tenente de alcaldesa confían en que o trámite de emendas aos orzamentos permita corrixir ese erro. “Para Ponteareas é algo irrenunciábel e innegociábel, é unha débeda histórica que se debe cumprir e os compromisos do Estado con Ponteareas deben ter o seu reflexo nos orzamentos”, sinalaron Fernández e Garrote.

Respecto á variante, nas previsións dos orzamentos para 2022 unicamente figuran 100.000 euros. “Esiximos que de xeito inmediato o Ministerio concrete e entregue ao Concello un calendario coas actuacións necesarias para executar a obra nos vindeiros anos e coas contías que deberán figurar no orzamento de 2022 e dos seguintes anos para verificar o seu cumprimento”, sinalaron Fernández e Garrote, que lembraron que “esta información foi solicitada en agosto e reiterada hai dúas semanas”. A alcaldesa e a segunda tenente de alcaldesa adiantaron que “se está a xestionar unha reunión urxente cos máximos responsábeis do Ministerio para obter esta información antes de que conclúa o trámite de aprobación dos orzamentos”.

Dende o goberno local traballarase nos vindeiros días en tres direccións: por unha banda cos representantes do goberno do Estado e do Ministerio de Mobilidade, por outra cos grupos parlamentarios e, por último, cos colectivos sociais que recentemente, a iniciativa do Concello, se organizaron nunha fronte social e política para reivindicar e lograr eses investimentos para Ponteareas. Co goberno do Estado e cos grupos parlamentarios negociarase a inclusión das partidas nos orzamentos e cos colectivos sociais acordaranse as medidas de presión social a adoptar para lograr ese obxectivo.

O BNG presentará enmendas para que se inclúa a seguridade viaria da N-120

O deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego vén de confirmar que realizará «as correspondentes xestións ante o Goberno do Estado para lograr que os Orzamentos contemplen estes investimentos» e engadiu que “daremos a batalla por Ponteareas. Poremos todo o noso empeño en facerlles ver a urxencia de executar estas actuacións e presentaremos emendas para evitar que continúe esta burla a veciñanza ponteareá”.

Pola súa banda, o deputado popular Celso Delgado criticou que non se inclúa a variante de Ponteareas nos Orzamentos Xerais do Estado nin a nova autovía Vigo-Porriño.

«En Madrid tómannos o pelo»

A líder do PP en Ponteareas, Belén Villar, espera que «dunha vez por todas o bipartito do BNG-PSOE se dean conta de que en Madrid tómannos o pelo e para mostra os Orzamentos de 2022 no que non hai un euro para a N120 e para a variante, a ridiculez de 100.000 euros» e chama a unha «movilización sen precendentes en Ponteareas xa que hai menos dunha semana que faleceu outra persoa nesa vía».

Critica a líder da oposición que «os panos quentes está demostrado que non funcionan, que demostren a súa capacidade para negociar con Madrid».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS