O Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural de Taboexa acolle mañá unha xornada do proxecto “Son de Monte” na que se tratarán as propostas de recuperación do monte tralos incendios, así como temas de voluntariado e de rexeneración ambiental e concienciación social.
Falamos nos informativos locais e comarcais de Si Radio de Galicia co xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González
Unha aposta pola futuro. Así se define “Son de Monte”, un proxecto de cooperación financiado polo Programa Leader Galicia e organizado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta e Eurural, da provincia de Pontevedra; Limia Arnoia, de Ourense; Mariñas Betanzos e Seitura 22, da Coruña e Montes e Vales Orientais de Lugo co que “buscamos crear unha rede de traballo entres os diferentes axentes do territorio para contribuír de xeito activo á valorización do monte”, explica Paco González, xerente do GDR Condado Paradanta.
Neste marco de traballo están a organizar unha serie de xornadas nas que se expoñen diferentes fórmulas de aproveitamento dos recursos naturais como a mellor maneira de coidar os montes e o rural galego. Xa se celebraron anteriormente nos Ancares e en Tomiño, e mañá venres, de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar outro encontro no Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural de Taboexa, nas Neves. Nel presentarase o proxecto de cooperación “Son de Monte”, os obxectivos xerais e do territorio GDR Condado Paradanta, tamén se falará sobre voluntariado e rexeneración ambiental e concienciación social.
Haberá unha visita guiada aos petróglifos da Coutada e plantaranse seis árbores que simbolizará a unión por un ben común dos seis territorios
Lembrando a desgracia acontecida en outubro de 2017, celebrarase un acto simbólico polo aniversario dos incendios coa plantación de seis árbores autóctonas, que representarán seis territorios unidos por un ben común, o monte.
Para rematar a xornada farase unha andaina e visita guiada aos petróglifos da Coutada, na mesma parroquia de Taboexa, os cales precisamente se descubriron logo dos lumes e foron recuperados e postos en valor cun proxecto do Concello das Neves financiado polo Programa Leader Galicia 2014 – 2020.
A xornada é aberta a todas as persoas interesadas en asistir, que deberán inscribirse previamente a través da páxina web www.sondemonte.gal.