Sorprendente pero en pleno século XXI en Portugal as persoas homosexuais non poden doar sangue. Son os homes que manteñen relacións con outros homes os máis discriminados ao seguir sen cumprirse a norma para evitalo publicada pola Dirección Xeral de Saúde en 2016.
Portugal cambiará a lei para poñer fin á unha discriminación inconcebible pola que, en pleno 2021, segundo a súa orientación sexual unha persoa pode ou non doar sangue.
O país luso rexistra sucesivas denuncias por estas situacións nas que aínda existen situacións nas que se exclúe aos homes que manteñen relacións sexuais con outros homes.
O Parlamento portugués debateu este mércores catro proxectos de lei para acabar con este tipo de discriminación. A cámara mostrou un consenso xeneralizado, a esquerda e dereita, para a súa aprobación.
Os proxectos parten do gobernante Partido Socialista, o Bloco de Esquerda, o animalista PAN e a deputada independente Cristina Rodrigues, e todos coinciden en que é necesario asegurar na lexislación que non se discrimina por orientación sexual á hora de doar sangue.
En Portugal, os homes que mantiñan relacións con outros homes tiñan prohibido doar sangue até 2016, cando a Dirección Xeral de Saúde (DGS) publicou unha norma que recollía que non se rexeitarían doazóns en función da orientación sexual. Con todo, desde entón sucedéronse as denuncias de homes aos que, na práctica, aínda se lles negaba a posibilidade de doar pola súa orientación.
A DGS volveu actualizar as súas orientacións en marzo deste ano ante novas denuncias, para reforzar que debía seguirse o principio de «non discriminación», pero o Parlamento quere agora que quede reflectido na lexislación lusa.