domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaA Policía Local de Mos renova e amplía o seu parque móbil...

A Policía Local de Mos renova e amplía o seu parque móbil con vehículos ECO

Unha subvención autonómica que supera os 33.000 euros permitirá a adquisición, mediante renting, dun ‘Suv’ híbrido

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local, Gerardo Álvarez, anunciaron que o Concello ven de coñecer a resolución favorable dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, por importe de 33.152 euros, para a adquisición mediante renting dun novo vehículo para a Policía Local mosense.
As características técnicas do novo vehículo son: híbrido non enchufable con etiqueta ECO, modelo ‘Suv’ todo camiño, 5 prazas.
Un novo coche que forma parte da renovación e ampliación do parque móbil policial mosense, apostando pola mobilidade sostible e a redución de emisións contaminantes.
Hai un ano que o Concello de Mos adquiría para a Policía Local con fondos propios outro coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido, e unha furgoneta totalmente equipada para atestados, contando tamén con subvención da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.
O Concello de Mos está a apostar por renovar e ampliar o parque móbil da Policía Local para cubrir as necesidades operativas e de autonomía da Policía, posto que debido á gran dispersión poboacional pode ter que realizar ao día máis de 400 quilómetros para atender as diferentes necesidades e denuncias veciñais. Polo que precisan de vehículos de baixo consumo.

Tres turismos, un furgón e unha moto

A Policía Local de Mos, contará en diante, coa incorporación deste novo coche híbrido, dun parque móbil dotado de 5 vehículos: 3 turismos, 1 furgón de atestados e 1 moto (tamén subvencionada pola consellería de Presidencia da Xunta); xa que con esta nova incorporación aproveitarase para retirar e dar de baixa os 2 coches máis antigos, en aras de apostar pola loita contra o cambio climático reducindo a emisión de CO2 mediante a utilización de vehículos ECO con consumo ecolóxico

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS