Son varias as empresas asentadas en chan mosense que, ante o incremento de ata un 1200% nos prezos de canon por uso dos terreos por parte da Comunidade de Montes de Tameiga, barallan o seu traslado a Portugal.
Son varias as empresas asentadas en chan mosense que ante o incremento de ata un 1200 % nos prezos de canon por uso dos terreos por parte da Comunidade de Montes de Tameiga barallan o seu traslado a Portugal
O concello de Mos tiña rexistrada no inventario municipal esta parcela dende o ano 1952 e no Rexistro da Propiedade dende o ano 1955, xestionado a mesma sempre coa premisa de lograr o crecemento e desenvolvemento económico do municipio, facilitando a implantación de empresas que xeraran empregos e oportunidades para os veciños e veciñas de Mos
A Comunidade Montes de Tameiga instou ante o xurado provincial de Montes ao recoñecemento de monte Faquiña como terreo veciñal pero esta petición foi desestimada polo Xurado, sendo ademais esta decisión parcialmente confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 1992 ao confirmar a falta de aproveitamento veciñal en toda a superficie de Montefaquiña ocupada por empresas.
É no ano 2015, tras demanda civil reclamando a titularidade dos terreos, que a xustiza estima a solicitude e declara a propiedade por parte da Comunidade de Montes de Tameiga.
Tralo recoñecemento da súa titularidade, esta subrógase na posición do Concello, se ben agora a pretensión da Comunidade é establecer un criterio distinto no cálculo do canon a estas empresas que supón incrementar nun 1.200 % o que tiñan, explican dende o Concello de Mos.
E ademais aínda que, a proposta inicial foi establecer este criterio con carácter anual, o acordo final da Comunidade fixouse nunha vixencia mensual, argumentando o incremento co prezo de mercado.
A vontade das empresas foi sempre aceptar un incremento proporcionado e razoable pero coa proposta da Comunidade de Montes que postula “unhas condicións innegociables” moitas firmas, entre as que se atopan Dalot, Ralotrans, PMA Nutrigas, Termojet, Autocares García, Blanco Quintas, Neumáticos Berbés, Grupo Copo, Locatel e Integral Data, sopesan a deslocalización en novos emprazamentos en polígonos do norte de Portugal.
Visita de empresarios a Valença
Precisamente, o pasado venres un grupo de empresarios afectados reuniuse co Presidente da Cámara de Valença do Minho, Manuel Rodríguez Lopes. Este ofreceulles terreo industrial no Polígono de Valença, cuxa segunda fase de 400 hectáreas está planificada. Estarían dotados con tódolos servizos dun polígono industrial como rede de fibra óptica de última xeración, gas natural, electricidade e saneamento. Son terreos que se entregan listos para construír as naves empresarias, en propiedade e a 20 euros o metro cadrado.
Rodrígues López comprometeuse ademais a conceder a licenza de construción e actividade en só 8 días despois de que a documentación fose presentada e tamén a poñer a disposición dos empresarios interesados un gabinete da cámara para captar fondos públicos da Comunidade Europea e do Goberno de Portugal, en base ás inversións que se realicen ou postos de traballo a crear.
Ferida aberta
As empresas situadas na actualidade na área industrial de Monte Faquiña xeran emprego de maneira directa a 800 persoas. O seu peso na economía do sur da provincia de Pontevedra foi sempre moi significativa, pero ameaza con producirse unha fuga total de empresas cara a Portugal.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quere poñer freo a esta situación, e “evitar unha ferida aínda máis profunda ás pemes e ao Concello, que sempre creron no tecido empresarial como fonte de riqueza e desenvolvemento socioeconómico do territorio, tanto pola propia xeración da actividade empresarial como polas melloras implantadas desde as empresas, que repercuten en beneficio dos veciños”.
A rexedora local incide na “necesidade de coidar de toda a industria mosense, evitando que as pemes e empresas de Monte Faquiña sufran de maneira especial o incremento dos canons marcados”.
Por iso, convoca a representantes das empresas afectadas, á Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) e portavoces da corporación local a unha reunión de traballo, este mércores, 15 de setembro, ás 19.00 horas, nas instalacións da Axencia Local de Colocación, co ánimo de “buscar solucións e xestionar correctamente os apoios ao mantemento destas empresas, sobre todo tendo en conta que, canta máis industria se desprace alí, máis pemes verán en Portugal un paraíso empresarial”.
“Mos non pode perder capacidade produtiva e para iso debemos ser cada vez máis competitivos e intentar demostrar que convén seguir apostando por Mos como territorio de oportunidades. Desde o Concello esforzarémonos para canalizar cooperacións e colaboracións, pero sempre pensando na defensa e promoción da industria mosense. Témolo moi claro”, conclúe Arévalo