O ano pasado non se convocaron por mor da covid, pero a nova convocatoria incrementa nun 17% o seu orzamento, ata os 278.000€.
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas á mobilidade do alumnado universitario a países extracomunitarios para o curso 2021/22, unha liña que se recupera despois de que a pandemia fixera imposible no 2020/21 o seu desenvolvemento. Nesta nova edición o Goberno galego incrementa o orzamento total da convocatoria nun 17%, ata os 278.000€, respecto á convocatoria do 2019/20. Ademais, delas poderán beneficiarse ata 164 alumnos, 24 máis ca na última edición.
O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a mobilidade internacional dos estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG), de tal forma que o alumnado poida integrarse nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación, segundo apuntan dende o goberno autonómico.
Cada un dos estudantes beneficiados accederá a unha axuda de 1700€ que lle facilitará a realización do programa de mobilidade nun país de fóra da Unión Europea, que deberá desenvolverse durante o curso académico 2021–2022.
Prazo ata o 30 de setembro
Poderá solicitar esta bolsa o alumnado universitario que estea matriculado no curso 2020-2021 en calquera das universidades do SUG, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, que participe nun programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe e que non gozara desta bolsa en convocatorias anteriores.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro.