Organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o curso desenvolverase o vindeiro xoves 8 de setembro no auditorio municipal deste concello pontevedrés.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá o vindeiro xoves 8 de setembro un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos dirixido ao sector da castaña. A acción formativa celebrarase no auditorio municipal do concello pontevedrés das Neves en horario de 18:30 a 22:30 horas.
Ao longo das catro horas de duración, o programa abordará diversos conceptos como a comercialización, a gama de produtos, a recollida, o procesado ou os mercados, así como os modelos de xestión, a calidade e composición do prezo ou a promoción do produto.
Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é informar do que se está facendo no sector para que os produtores de castaña orienten as plantacións aos distintos mercados e poidan facer fronte ás actuais doenzas do castiñeiro.
A Xunta aposta pola continua profesionalización do sector mediante cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
Todos os interesados poderán anotarse nos cursos cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico de formacion.agacal@xunta.gal ou info@castanadegalicia.org. Tamén poden chamar ao número 881997279 para máis información.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.