A hostalería do Porriño, en nivel alto de restricións, só pode traballar ao 30% do aforamento no interior desde este martes 17 de agosto e a alcaldesa Eva García de la Torre acusa á Xunta de «penalizar sempre aos mesmos».
A decisión da Xunta de Galicia é consecuencia da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorizar que se esixa o certificado de vacinación «Covid» aos clientes para acceder ao interior de cafeterías, bares, restaurantes e outros locais de hostalería. A raíz do fallo do Tribunal, a Consellería de Sanidade decidiu responder reducindo o aforamento no interior dos locais, baixando de 50 ao 30%. No que atinxe ás terrazas, seguirá no 50%. E os establecementos de ocio nocturno continuarán pechados.
A alcaldesa do Porriño considera que «estas medidas non son de recibo e volven penalizar o sector da hostalería que xa foi castigado dabondo alongo destes meses», valorou hoxe Eva García de la Torre. Segundo a rexedora que «o TSXG non lles dera a razón, non pode levar como consecuencia que se ceben no sector máis castigado por esta pandemia».
García de la Torre interpelou á Xunta de Galicia a que «vacine masivamente, especialmente á xente nova, por que as vacinas son o verdadeiro remedio e, polo tanto, que deixen de prexudicar sempre aos mesmos», rematou a alcaldesa.