jueves, noviembre 28, 2024
InicioComarcasO CondadoSalvaterra remata a intervención no cruceiro e peto de ánimas de San...

Salvaterra remata a intervención no cruceiro e peto de ánimas de San Roque

A actuación enmárcase dentro da liña de traballo de posta en valor do patrimonio histórico e cultural.

 

Logo da restauración do cruceiro de Vilacoba, o da Igrexa de Leirado, Comadevila en Fornelos, o muiño en Alxén, o concello Concello de Salvaterra de Miño está rematando a intervención sobre o peto de ánimas e o Cruceiro de San Roque de Cabreira, para posteriormente empezar coa restauración do palco de música de Leirado.

O cruceiro e o peto de ánimas tallados en pedra datan de finais do século XVIII e atopábase un estado de conservación medio, debido tamén en gran medida aos danos ocasionados no ano 2015 cando tentaron roubar a imaxe da Inmaculada que ía apoiada no fuste da columna, sobre un capitel. Esta peza situabase nun lugar con un alto valor etnográfico, xa que na contorna localízase a  Capela  de San Roque e  o palco da música. Está realizado totalmente en roca granítica e presenta como cimentos tres escalóns, segundo o concello. Na placa de mármol situada na súa base pódese ler a seguinte inscrición:

“TU QUE PASA MIRAME

TODO CUBIERTO DE LLAGAS

HAY HIJO QUE MAL ME PAGAS

LA SANGRE QUE DERRAME

MAS ESPERA Y TE DIRE

PUES QUE TANTO PADECI

SI LO MAS HICE POR TI

QUE FUE MORIR POR SALVARTE

SI TU TE MUEVES A MI

COMO NO HE DE PERDONARTE”.

De acordo ao libro Cruces, Cruceiros e petos do Concello de Salvaterra de Miño de Don Estanislao Fernández da Cigoña, este cruceiro puido ser realizado polo soado canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro. Autor doutras obras como son o Cruceiro da Madalena en Cangas e o seu peto de ánimas. «Algo non tan disparatado, se temos en conta que Ignacio residiu durante anos no veciño municipio de Ponteareas e que o estilo e a factura aseméllanse ás outras obras atribuídas a este» segundo apunta nun comunicado o Concello.

Na parte posterior do cruceiro, sitúase un pequeno peto de ánimas en forma de retablo no que tres figuras aparecen entre chamas. A figura central asemella ser a dun eclesiástico, aínda que a súa cantería é bastante tosca e esquemática, lonxe queda pois, da coidada técnica levada a cabo no cruceiro. O peto de ánimas tamén presenta unha lenda que di o seguinte: “ DEVOCION DE JOSE GONZALEZ. ANO DE 1783”.

A intervención realizada busca garantir a conservación da obra e frear o seu deterioro, neste caso o dano máis grande que se subsanou foi o acto vandálico que se produciu no intento de roubo da escultura. Para iso primeiro uníronse as pezas que conformaban a escultura da Virxe  e levouse a cabo a limpeza de todo o conxunto, cruceiro, peto e o seu contorno.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS