O deseño é autoría de Elisa Posada González, alumna de 4º da ESO que o vindeiro curso entrará no Bacharelato de Artes do IES de Mos, e que resultou gañadora do concurso convocado polo Concello
Esta mañá presentouse no salón de sesións do Concello de Mos a máscara oficial da etapa de La Vuelta Ciclista a España que rematará no Castro de Herville (Cela) o 4 de setembro.
Ademais de presentala recibiuse á gañadora do concurso convocado polo Concello para deseñala, para facerlle entrega do correspondente premio polo seu logro e polo seu gran traballo. Este ano a máscara oficial é un deseño de Elisa Posada González, alumna de 4º curso da ESO, que en setembro comezará 1º de Bacharelato de Artes.
Todos os participantes no concurso formaban parte do alumnado de 4º da ESO, xa que a convocatoria desde ano centrouse no devandito curso. Presentáronse un total de 33 deseños entre os que resultou gañador o de Elisa. O xurado estivo formado polas ANPAs dos diferentes centros educativos do municipio, Colexios e IES.
Produciranse varios centos de unidades que serán entregadas como agasallo institucional o 4 de setembro, na meta da etapa 20
O deseño gañador inspírase nas cores dos símbolos municipais: o escudo e a bandeira do Concello de Mos, así como nas montañas de Galicia, segundo ela mesma explicou. Ademais inclúe o logotipo oficial de La Vuelta 21 e o escudo do Concello de Mos.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, quedaron “marabilladas e moi satisfeitas ante o resultado do deseño da máscara de Elisa” polo que a felicitaron e agradecéronlles enormemente a participación aos 33 rapaces e rapazas concursantes.
Da máscara gañadora estanse a producir varios centos de unidades que serán entregadas como agasallo institucional con motivo da meta da etapa 20 de La Vuelta 2021 en Mos o vindeiro 4 de setembro.
No acto desta mañá ademais da gañadora, a alcaldesa e a edil de Educación, estiveron tamén presentes o vicepresidente da ANPA do IES de Mos, Óscar Mariño Bastos, o director do instituto e os pais de Elisa, moi orgullosos do logro e do talento da súa filla