Optimizouse a cuberta no pavillón Óscar Pereiro e instalouse unha nova no acceso do público no campo de fútbol de Coto Torrón
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Deportes, José Areal, os deputados provinciais, Santos Héctor e Victoria Alonso, e a arquitecto técnico municipal, visitaron as melloras nas instalacións deportivas municipais do Pavillón Óscar Pereiro e o Campo de Fútbol de Coto Torrón, acometidas con cargo ao Plan Concellos. Os representantes locais e provinciais estiveron acompañados no Campo de Fútbol de Coto Torrón polo presidente do Club Louro Tameiga, Patricio Farrapeira.
A inversión total realizada en ambas obras de mellora ascende a 40.500 euros e os traballos realizados consistiron: no Pavillón Óscar Pereiro na reparación da cuberta para evitar ve filtracións e, no campo do Coto Torrón, na instalación de cuberta no espazo de acceso do público e de interconexión entre ximnasio, aseos e oficinas.
No caso da cuberta do Óscar Pereiro, a mellora reverterá moi positivamente nos adestramentos dos clubs de patinaxe mosenses, xa que vense solucionadas a problemáticas humidades.
Ademais de aumentar a impermeabilización e o illamento, a substitución do antigo material da cuberta xa desgastado, por pranchas translúcidas, permitiu gañar notablemente en luminosidade, dado que o novo material permite un maior paso da luz (ata un 52%). Da superficie total de 1.298 metros cadrados da cuberta, substituíronse 500 metros cadrados. Ademais, minimizáronse as fugas térmicas, co que se reduce o consumo enerxético e contribúese á sustentabilidade ambiental.
No caso do Campo de Fútbol de Cototorrón a mellora consistiu na instalación dunha nova cuberta no espazo que intercomunica o ximnasio, as oficinas, o bar, os aseos e o acceso ao campo para o público. A estrutura, que conecta todos os espazos anteriormente citados, ten unha superficie de 103 metros cadrados e consta de dúas chapas lacadas, sendo a cara exterior de cor verde e a interior branca. Está soportada por oito piares de aceiro, que contan coas súas respectivas zapatas para a ancoraxe ao solo. O material de cuberta son paneis nervados de cor verde no exterior e branca no interior a xogo co resto dos recubrimentos. Inclúe illante térmico.