lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaSalcedenses distinguidos polo seu pobo

Salcedenses distinguidos polo seu pobo

O Concello de Salceda de Caselas homenaxea a traxectoria persoal, profesional e social de tres veciños vencellos ao eido comercial.

Adoración Besada Diz, Leonisia Pérez Álvarez e Serafín Otero Sobrino son os salcedenses distinguidos deste ano. Na última década, o Concello de Salceda de Caselas vén de celebrar anualmente este acto no que se homenaxea a tres persoas en recoñecemento o seu labor persoal, profesional e social, e que nesta ocasión están vencelladas todas elas ao eido comercial, un dos sectores máis castigados durante esta pandemia da COVID-19.
Os tres rexentaron negocios no municipio onde formaron as súas respectivas familias. Fillos e netos son hoxe os que continúan ao fronte de cadanseu establecemento comercial.
As raíces de Adoración e Leonisia está na tradicional tenda bar que tamén servía, e aínda serve, de lugar de reunión da veciñanza, algunhas delas aínda en funcionamento na actualidade con máis dun século de historia, como é o caso do ultramarino que abriu en 1918, en Parderrubias, o pai de Leonisia.

Leonisia Pérez, 91 anos

Aínda que naceu no seo dunha familia numerosa (eran nove irmáns), Leonisia tan só tivo unha filla, a que lle deu tres netos, e estes, á súa vez, seis bisnetos. Familia que formou ela soa e da que hoxe, aos seus 91 anos, se sente moi orgullosa.
Emigrou a Alemaña en 1969 onde traballou nunha lavandería industrial, limpando unha tenda de mobles e nunha fábrica de metalurxia. Oito anos despois volveu a Parderrubias onde se fixo cargo do negocio que rexentaba o seu pai e que trala súa xubilación seguiu en mans da familia, pasando á súa filla e logo á súa neta, que é quen o leva na actualidade. Trala xubilación, Leonisia seguiu acudindo ao seu bar onde desfrutaba diariamente xogando a partida e conversando cos clientes.
Dende hai catro anos está na residencia Castro Lar, onde viviu o confinamento, que lembra como un momento duro ao igual que o levantamento franquista. Alí fixo novas amizades e desfruta das numerosas visitas que recibe e vendo o fútbol, do que é unha gran apaixonada, do Celta de Vigo.

Adoración Besada, 80 anos

Adoración, nativa da parroquia tudense de Baldráns, dunha familia humilde dedicada ao agro, casou con 20 anos con José Valenzuela e dende entón, Dora e Tito, son a parella perfecta, tanto no persoal como no profesional. Foi avoa moi nova, con 38 anos. Ten tres netas e un neto e dúas bisnetas.
Logo de levar a tenda bar que tiña o seu sogro na Tabernanova en Soutelo, en 1978 o matrimonio abriu o seu negocio más memorable, Muebles Valenzuela, converténdose nun referente na comarca pero sempre conseguindo todo con moito esforzo e traballando os sete días da semana. Lembra, precisamente, que a primeira tarde de domingo que pecharon foi cando casou un dos seus dous fillos, o que agora rexenta a moblería, xunto coa súa neta e parte da familia.
Unha das súas grandes afeccións é viaxar e, xunto co seu marido, percorreron xa boa parte do mundo. Logo da súa xubilación aínda pasa tempo no negocio e en labores de xardinaría.

Serafín Otero, 83 anos

Xoieiro de profesión, dende os 12 anos Serafín comezou a axudarlle ao seu pai na xoiería que abriu no mesmo ano no que este naceu, en 1937, na rúa Victoriano Pérez Vidal, que se trasladaría, en 1981, ao emprazamento actual, na Avenida de Galicia, estando agora ao fronte do negocio os seus tres fillos.
Lembra que naquela época vivían nunha pensión da vila pola semana e o sábado ían, primeiro en bicicleta e xa logo en moto, para Cristiñade (Ponteareas) de onde é nativa a familia.
Aos comezos, a maioría dos traballos eran arranxos de reloxos. De feito, Serafín foi o encargado de colocar o reloxo na Casa do Concello no ano 1976, na actual Casa da Cultura, grazas a un donativo dun emigrante na Arxentina.
Casa e na súa lúa de mel percorre Galicia, chegando a Oviedo, en moto. Serafín foi unha persoa moi activa na vida social e asociativa de Salceda, así foi secretario e tesoureiro do Caselas FC, secretario da Comunidade de Montes en Man Común de Santa María de Salceda e membro da APA do colexio Altamira.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS