Será o 4 de setembro na etapa número 20 que rematará no alto de Herville, onde actuará Milladoiro.
O acto de prestixio internacional contará en Mos cunha previa programación deportiva e cultural que incluirá a todos os públicos e colectivos: maiores, nenos, mulleres, discapacidade, xuventude…
O Concello contará para diferentes eventos coas instalacións da Cidade Deportiva Celeste.
O alumnado do Bacharelato de Artes do IES de Mos deixou xa preparada antes de rematar o curso os seus deseños de máscaras e a última mesa da Volta de Mos, celebrada esta semana, elixiu entre as tres finalistas a que será usada o 4 de setembro polo público, os veciños e os participantes.
A primeira das actividades será unha xuntanza de ciclistas, o día 17 de xullo que percorrerán o tramo previsto da etapa 20 ao seu paso por Mos
Outra das actividades estará organizada da man de “Discamino” e terá lugar o 24 de xullo no entorno do Multiusos das Pozas. Consistirá nun circuíto para bicicletas adaptadas convidando a todos os colectivos de persoas con discapacidade e a todas as familias do municipio. O obxectivo é visibilizar e integrar á discapacidade nas actividades de La Vuelta.
As palilleiras de Mos tamén quixeron estar presentes nesta programación e traballan xa activamente na confección dunha bicicleta de gran tamaño feita a encaixe de bolillos.
Gran protagonismo para ás asociacións culturais que cos seus grupos volverán por segundo ano a animarse a versionar a banda sonora de La vuelta.
O 28 de agosto é o día dedicado ás familias, por iso as directivas da Asociación Cultural de Herville e da Asociación Cultural de Cela, traballan xa da man organizando a xornada de “Mos sobre rodas” na cal cativos e adultos poderán percorrer unha parte do percorrido da penúltima etapa de La Vuelta con todo tipo de vehículos con rodas pero sen motor: patinetes, bicicletas, carriños, andadores… rematarase a xornada cunha merenda popular acompañada da música de varios grupos locais.
Por outra banda, coincidindo coa semana de La Vuelta en Mos, os cativos amantes do fútbol poderán participar do 1 ao 5 de setembro no campionato “Copa Escolar A Fouteza” que se levará a cabo na propia Cidade Deportiva.
Os concertos tamén terán cabida nesta programación como un dos puntos máis importante despois deste duro ano de parón cultural debido á pandemia, e Milladoiro actuará o propio día 4 de setembro no Alto de Herville. A noite anterior (venres 3) está previsto outro concerto dun grupo a nivel nacional (aínda sen confirmar) que terá lugar na cidade deportiva do Celta.