Será do 15 ao 18 de xullo na Praza Maior, en horario de 18 a 22 horas.
A Feira do Libro volverá ás rúas de Ponteareas este mes de xullo. Do 15 ao 18, a Praza Maior converterase no epicentro literario da vila cunha feira que chega á súa quinta edición cun programa repleto de actividades e cunha alta presenza de autores e autoras de Ponteareas e a súa comarca. Ao longo destes catro días realizaranse 22 presentacións e sinaturas de libros, máis da metade creados por ponteareáns e ponteareás ou escritores e escritoras de concellos próximos.
Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, a feira abrirá as súas casetas todas as tardes de 18.00 a 22.00 horas. “Esta cita cultural non soamente nos permitirá animar á lectura á veciñanza, senón que tamén servirá para dinamizar un pouco máis o sector”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación.
Entre os autores e autoras que estarán presentes na feira destacan Pablo Prado, Anabel Antela Castro, Alejandro Cid, Alexandro Bouzó, Teresa Ríos, Carlos Sampedro, Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro, Elisabeth Guerra, Beatriz Cabaleiro, Raquel Castro, Samuel Merino ou María Lado.
O ilustrador Pablo Prado, pregoeiro
O ilustrador e caricaturista Pablo Prado será o pregoeiro nesta quinta edición da Feira do Libro. Nado en Ourense en 1987 pero residente dende os 3 anos en Ponteareas, “vila na que me fixen como individuo e á que desexo volver sempre. Por iso para min é tan especial este convite e faime tanta ilusión exercer de pregoeiro este ano”, manifesta Prado.