martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA Feira do Viño do Rosal limitará o aforo a 250 persoas...

A Feira do Viño do Rosal limitará o aforo a 250 persoas con reserva

Despois da edición virtual de 2020, o evento volve á Praza do Calvario con todos os protocolos de prevención contra a COVID-19.

A Feira do Viño do Rosal quenta xa motores para un evento organizado “aplicando un criterio de prudencia e adaptándonos á nova realidade, porque cremos que é importante ir dando pequenos pasos cara a esa normalidade que estamos todos e todas desexando”. Así o explicou hoxe a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, que presentou a nova imaxe da feira acompañada da asociación de adegueiros Cabaqueiros do Rosal, composta polas 9 adegas con DO Rías Baixas O Rosal.

A Feira do Viño afrontará así os vindeiros 16, 17 e 18 de xullo a súa XXIV edición con estritos protocolos de prevención e restricións marcadas dende a propia Xunta. Por este motivo, nesta ocasión será necesaria a inscrición previa para participar en calquera das actividades organizadas ao longo dos tres días, que contarán cun aforo limitado a arredor de 250 persoas.

Programación

A feira arrancará o venres 16 de xullo co tradicional acto institucional para dar paso ao monólogo de Sergio Pazos. O sábado 17 o público poderá desfrutar dun concerto experiencia no que combinar a música co viño e, xa pola tarde, haberá actividades infantís e de peche da xornada o concerto do grupo The Soul Jacket. O domingo 18 a feira rematará cunha ruta guiada polos muíños do Folón e do Picón “para poñer en valor unha parte importante do patrimonio” e cun concerto lixeiro onde volver revalorizar a emoción do viño mesturando a experiencia enolóxica coa música.

“Queremos que sexa un acto que sirva tamén para resaltar a importancia que ten o viño no Rosal e que somos denominación de orixe. Por iso convidamos a todas as persoas a que participen nesta nova edición con toda a prudencia do mundo, porque volvemos pouco a pouco a unha feira presencial pero priorizando sempre a saúde pública”, recalcou a rexedora.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS