Foi un dos 23 vehículos municipais en desuso que se ofertaron na segunda poxa coa que se recadou un total de 8.697 euros
O Concello do Porriño vén de vender os 23 vehículos municipais en desuso que permanecían almacenados no recinto do Multiusos de Torneiros desde outubro de 2019, cando se renovou o parque móbil municipal. A pesares de que os vehículos tiñan prezos de saída de saldo, entre 50 e 100 euros, finalmente as ofertas elevaron o prezo de venda. Así, o importe total da venda dos 23 vehículos acadou os 8.697 euros (impostos incluídos), segundo sinalan fontes municipais.
Esta mañá, presidida pola alcaldesa Eva García, a mesa de valoración celebrou a sesión pública de apertura de plicas da poxa, que era a segunda que se convocaba polo Concello para a venda destes vehículos.
Entre as curiosidades que deparou o resultado da poxa está o prezo máis alto, que foi de 1.550 euros ofertado polo vehículo “Ssangyong Action” con 160.000 quilómetros e que na anterior poxa tiña un prezo de saída de 5.800 euros. Pola contra, unha berlina “Volvo S80” que fora o coche oficial da Alcaldía na época de Xosé Manuel Barros, vendeuse en 536 euros