Unha colisión múltiple, entre tres coches, no concello de Mos deixa como resultado catro persoas feridas.
Do accidente en cadea, tivo constancia o 112 Galicia mediante a chamada dunha persoa particular, a poucos minutos das tres e media da madrugada. Este indicaba que se acababa de producir un choque entre varios vehículos na estrada A-55, ao redor do punto quilométrico 14, nos carrís de sentido a Vigo. Ademais, durante a comunicación sobre o accidente descoñecíase se había persoas feridas.
Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia ( CIAE-112 Galicia) alertouse aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Porriño e a Protección Civil de Mos.
Xa desde o lugar, a Garda Civil de Tráfico confirmou que, finalmente, foron tres os coches implicados na colisión e que, na mesma, resultaron feridas catro persoas.
Co fin de garantir e restablecer a seguridade na vía, desde o 112 tamén se informou ao persoal de mantemento da estrada e ao Centro de Xestión de Tráfico.