Hai máis dun ano que a velocidade máxima na vila está limitada a 20 km/h, agás na Avenida de Castelao que está a 30 km/h.
O pasado mes de maio cumpriuse un ano dende que o Concello de Ponteareas, adiantándose á normativa xeral aprobada pola DGT recentemente, limitou xenericamente a velocidade no casco urbano a 20 km/h. Ademais, as zonas de plataforma única ou peonís con tráfico restrinxido teñen unha limitación de 10 km/h por ser espazos de convivencia dos vehículos cos peóns. A Avenida de Castelao pola súa banda é a excepción á norma ao contar cunha limitación de 30 km/h.
No mes de setembro do pasado ano a concellaría de Mobilidade e Tráfico desenvolveu, coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade, unha campaña de control de velocidade con radar precedido dunha lona informativa que advertía da presenza do dispositivo e que contribuíu a difundir os novos límites de velocidade e a que as persoas condutoras acomodasen a velocidade á nova limitación. “Cumprir con eses límites supón mellorar a seguridade viaria, reducir o risco e a gravidade de accidentes e atropelos e facilita o uso da bicicleta nas calzadas sen perigo e sen temores, ademais de reducir a contaminación”, sinala o departamento da Policía Local.
Agora, unha vez que xa é de coñecemento xeral da poboación o límite de velocidade a 20 km/h, a Policía Local iniciou unha nova campaña de control de velocidade, pero sen elementos informativos previos. “O que queremos é que se respecten os límites de velocidade sempre e non só cando se sabe que hai un radar próximo. Para iso as persoas condutoras deben saber que, como en calquera outra vía de circulación autonómica ou estatal, no centro urbano de Ponteareas pódense realizar controis de velocidade en calquera intre e que superar os límites pode levar aparellada unha infracción”, explican dende o Goberno local. Coa limitación de velocidade a 20 km/h circular por enriba dos 40 km/h supón a perda de dous puntos de carné e por enriba dos 50 km/h catro puntos.
A Concellaría de Mobilidade e Tráfico amósase satisfeita co impacto da limitación de velocidade implementada hai un ano, xunto con outras de calmado do tráfico como a reordenación de sentidos de circulación e o estreitamento de carrís. “Nos últimos meses vense observando unha evidente redución da velocidade media dos vehículos no casco urbano. Aínda así, unha minoría de persoas condutoras continúan circulando a velocidades moi elevadas polas nosas rúas poñendo en perigo ao resto de persoas. Os controis con radar pretenden corrixir esas condutas”, sinalan dende a Concellaría de Mobilidade e Tráfico.