sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasParadantaCaballero reclama dende A Cañiza "potenciar a Galicia interior"

Caballero reclama dende A Cañiza «potenciar a Galicia interior»

O líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, reclama á Xunta dende A Cañiza «potenciar a Galicia interior, que necesita desenvolvemento, modernización e posibilidades de futuro».

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A Cañiza xunto ao seu alcalde, Luis G. Piña, para coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Dende alí, o máximo dirixente do PSdeG reclamou a Xunta que traballe para “potenciar” a Galicia interior, xa que “necesita desenvolvemento, modernización e posibilidades de futuro”. “Alí onde estamos os socialistas, pedimos todo o impulso e a forza para aumentar en poboación, xerar emprego e dar posibilidades de vida e de futuro á xente”, reivindicou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero chamou á Xunta a “cooperar cos concellos” e a traballar na xeración de postos de traballo e na loita contra o reto demográfico no interior de Galicia. “Necesitamos unha Cañiza potente e potenciar a Galicia interior”, subliñou, logo de incidir en que este municipio debe ser “referencia” para a zona sur da provincia de Pontevedra e tamén para a interacción coa provincia de Ourense.

Piña, «un alcalde comprometido»

Noutra orde de cousas, Gonzalo Caballero destacou o traballo do equipo de goberno, dirixido por Luis G. Piña, “un alcalde de primeira” e “comprometido cos seus veciños e veciñas” que fixo unha “magnífica tarefa” durante a crise da covid e, agora, “está a impulsar a reactivación” da vila.

De feito, resaltou a súa boa xestión logo de recordar que, cando chegou á alcaldía, atopouse “máis de catro millóns de euros en facturas sen pagar” froito da xestión da anterior corporación municipal.

A pesares das dificultades derivadas da situación herdada, “o goberno da Cañiza está solucionando os problemas e facendo avanzar o municipio”, valorou Gonzalo Caballero.

Pola súa banda, o alcalde da Cañiza, Luis G. Piña, amosou o seu “compromiso” no labor de “sacar adiante o concello”.

Ademais, agradeceu a Gonzalo Caballero a súa visita, así como “o cariño e o apoio que me transmitiu ao longo dos últimos meses”, xa que “en todo aquilo que necesitei dende a acción municipal do meu partido, así como nas xestións oportunas coas diferentes administracións, tanto coa Administración Xeral do Estado como coa Deputación de Pontevedra, estivo aí”. Por último, puxo en valor o labor do secretario xeral ao querer “coñecer in situ a realidade do noso día a día”, así como “as preocupacións dos veciños e veciñas” da Cañiza.

 

 

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS