A socialista, Verónica Tourón, toma o bastón de mando do concello de Salceda,dando cumprimento ao pacto de goberno con Loli Castiñeira.
Verónica Tourón saiu este martes elexida como a nova alcaldesa de Salceda de Caselas por maioría absoluta. Unha maioría absoluta que conseguiu cos tres votos a favor do seu grupo máis os catro de Movemento Salceda, liderado por Loli Castiñeira.
Deste xeito, Movento Salceda e o Partido Socialista dan cumpirmento ao pacto de goberno que acadaron logo das eleccións municipais do 2019 no que os dous primeiros anos sería a rexedora Loli Castiñeira e os dous seguintes, Verónica Tourón. Este mesmo luns Castiñeira presentou a renuncia «para cumprir co acordado».
O grupo líder da oposición, o Partido Popular, amosou a súa disconformidade pola convocatoria do pleno «porque non se tivo en conta a conciliación». O cabeza de lista, Santi Davila, non presentou candidatura «posto que non temos os apoios necesarios».
A socialista, e xa alcaldesa, Verónica Tourón apelou á unidade do goberno de Salceda, «que así seguirá sendo», dixo. Tivo palabras de agradecemento para os anteriores rexedores da vila «con especial gratitude a Loli Castiñeira, que xuntas seguiremos facendo grandes cousas».
Cun «xuntas seguiremos facendo camiño» rematou o seu primeiro discurso como alcaldesa de Salceda non sen antes agradecer «aos compañeiros de partido como o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e tamen á miña familia».
Neste pleno extraordinario para investir como alcaldesa a Verónica Tourón, que se celebrou no auditorio municipal, estivo tamén presente o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero.
Loli Castiñeira, a primeira rexedora da historia de Salceda de Caselas, entregoulle o bastón de mando á socialista Verónica Tourón cando se cumpren xusto dous anos da súa propia investidura.