Movemento Salceda e Partido Socialista dan cumprimento ao pacto de goberno cando se cumpren dous anos xustos da toma de posesión de Loli Castiñeira.
A socialista Verónica Tourón xa ten o bastón de mando do concello de Salceda de Caselas. Colleu o testigo da primeira alcaldesa da historia do municipio, Loli Castiñeira.
Deste xeito, Movemento Salceda e Partido Socialista dan cumprimento ao pacto que acadaron logo das eleccións municipais do 2019. Ese acordo establecía o reparto da alcaldía nos dous primeiros anos para Loli Castiñeira e os dous seguintes para Verónica Tourón. Este mesmo luns Castiñeira preesntou a renuncia como alcaldesa.
Na sesión plenaria, que se celebrou no auditorio municipal, falou en representación de Movemento Salceda Alejandro Rodríguez Canosa, que puxo en valor o traballo do goberno liderado por Castiñeira.
O Partido Popular tiña opción de presentar candidatura para optar á alcaldía pero non o fixeron «porque non temos os acordos necesarios».
A socialista Verónica Tourón acada así a maioría absoluta do pleno de Salceda de Caselas grazas aos catro votos de Movemento Salceda e os tres do Partido Socialsita. «O que está pasando aquí hoxe é un exemplo de normalidade democrática, dun goberno que seguirá traballando unido».
No seu primeiro discurso como alcaldesa Verónica Tourón resaltou a importancia dos colectivos sociais e aseverou que «a miña porta estará sempre aberta».
Á toma de posesión acudiron representantes socialistas das comarcas así como o líder en Galicia, Gonzalo Caballero e David Regades, secretario xeral provincial do PSOE e delegado da Zona Franca de Vigo.
A alcaldesa que sae levará no concello a área de Vías e Obras.