lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoAs personas maiores do Rosal, protagonistas de "Memoria viva"

As personas maiores do Rosal, protagonistas de «Memoria viva»

Trátase dun proxecto pensado para que as historias individuais e colectivas do municipio non caian no esquecemento.

O Concello do Rosal presenta este venres, 18 de xuño, no auditorio municipal ás 20.00 hora, ‘Memoria viva’, un proxecto que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial do Rosal, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

Trátase dunha iniciativa plurianual no que se recollerán as lembranzas das e dos maiores do Rosal, “recuperando e recompilando vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida… para que non caian no esquecemento”. “Este proxecto nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O proxecto recolle en vídeo as entrevistas a diferentes persoas de idade con coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese, así como libros de pequeno formato coleccionables de cada unha destas entrevistas. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.

Durante o acto presentaranse os dous primeiros libros do proxecto, así como os dous primeiros vídeos documentais.

As persoas interesadas en asistir poderán reservar a súa praza a través da páxina web municipal. O acto contará con aforo limitado e todas as medidas de seguridade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS