Por primeira vez na historia do Concello, a Alcaldía está en mans dunha muller e no equipo de goberno e na corporación hai maioría feminina.
No eido da igualdade de xénero aínda queda moito camiño por andar e a administración pública ten que dar exemplo. E un dos mellores é o Concello de Salceda de Caselas, onde, por primeira vez, elas son maioría no goberno e na corporación municipal. Tamén é unha muller, Loli Castiñeira, quen ostenta o bastón de mando dun Concello no que os postos de maior responsabilidade (Secretaría, Tesourería e Intervención) tamén están ocupados por mulleres.
Loli Castiñeira, coma primeira alcaldesa; Verónica Tourón, coma tenente de alcaldesa e próxima rexedora local; Lucía Pereira e Gela Ledo coma concelleiras; e Berta Alonso, Esther Táboas e Nilsa Suárez, coma secretaria, interventora e tesoureira, respectivamente, son as sete mulleres que rachan un teito de cristal, que no eido da administración pública é máis lixeiro que na empresa privada. Así o pon de manifesto Berta Alonso, que ao igual que as súas compañeiras, é habilitada nacional. «Na función pública non existen as diferencias entre homes e mulleres porque se accede a través dun sistema de oposición e, de feito, hai máis mulleres que homes», comenta a secretaria municipal de Salceda.
Ademais dunha maioría feminina, as concelleiras de Salceda destacan por ser as encargadas de áreas tradicionalmente ligadas aos homes. Coma Verónica Tourón en Urbanismo; Lucía Pereira en Facenda, Seguridade e Tráfico e Loli Castiñeira, que a partir da próxima semana ocuparase tamén de Vías e Obras.