lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaA memoria das mulleres estraperlistas de Cans, recollida nun documental

A memoria das mulleres estraperlistas de Cans, recollida nun documental

Proposto pola veciña de Cans María Jesús Sánchez, realizarase a través dun curso de formación de guión, edición e montaxe que comeza mañá sábado

O Festival de Cans, que celebrará a súa XVIII edición entre os días 1 e 4 de setembro, impulsará nesta edición a realización dun documental colectivo que recollerá a memoria das mulleres estraperlistas da aldea. Este documental estará coordinado polo realizador Juanma Lodo, e funcionará como un curso de formación no que se poderán inscribir como alumnado un máximo de 10 persoas.
O filme parte dunha idea aportada pola veciña de Cans María Jesús Sánchez, e realizarase a partir dun traballo de documentación sobre estas mulleres que atoparon no coñecido como estraperlo, ou contrabando de produtos daquela ilegais, un sustento para as súas familias nos duros anos da posguerra. O proxecto pretende visibilizar a todas estas mulleres da posguerra que percorrían durante moitas noites ducias de quilómetros atravesando camiños e corredoiras, desde os montes limítrofes con Portugal ata chegar os arredores do Monte Castelo e descender desde alí a aldea de Cans.
En bolsas, mochilas ou faldriqueiras estas mulleres levaban produtos daquela prohibidos como café ou tabaco, cos que cargaban a través dos montes, en zonas nas que se mesturaban desde carabineiros ata salteadores de camiños que roubaban a estas estraperlistas. Moitas destas mulleres foron moi populares na zona, e arredor delas circulan moitas historias que van de amoríos ocultos no monte ata redes de suborno de carabineiros.

Este documental busca iniciar no guión, na edición e na montaxe a todas as persoas interesadas en adquirir nocións da construción dunha obra audiovisual

O Festival de Cans promove este traballo dentro das súas liñas de recuperación da memoria da aldea, de situar ás mulleres no centro do relato e de tecer unha relación interxeneracional fomentando a participación da xente nova na elaboración do documental.
O traballo final estrearase durante o Festival de Cans, seguindo a liña doutros documentais que se fixeron nos últimos anos, que rescataron a memoria da aldea, como “A Canteira de Cans”, “Historia dos Catro Ventos” ou “Dona Sara”, sobre esta mestra que marcou a varias xeracións de nenos da aldea.

Inscricións

O curso celebrarase todos os sábados, a partir deste 12 de xuño e ata finais de agosto, entre as 10.00 e as 13.00 horas, e a inscrición continuará aberta ata o vindeiro xoves 17. Comezará en liña para pasar a ser presencial a partir do mes de xullo, a inscrición custa 20 euros e só hai 10 prazas dispoñibles. As persoas que desexen participar poden inscribirse enviando un email a festivaldecans@festivaldecans.com ou contactando por privado nas redes sociais do Festival de Cans, así como todas aquelas que poidan aportar fotografías ou aportar testemuñas sobre a historia destas mulleres

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS