Son xa cinco concellos das comarcas no que o virus deixou de circular nunha semana coa nova incorporación de Salvaterra e Arbo.
Segundo a última actualización de Sanidade, a COVID-19 deixou de ter presenza entre os veciños e as veciñas de Arbo e de Salvaterra de Miño nunha semana, pola contra, aumenta os contaxios en Vigo máis Gondomar e volven os casos ao municipio de Pazos de Borbén. Soutomaior continúa como a localidade coa incidencia máis alta das bisbarras ao superar os 125 por 100.000 habitantes en 7 días.
Arbo e Salvaterra de Miño únense aos concellos do Rosal, As Neves, Mondariz e Baiona á listaxe dos municipios no que a COVID-19 deixou de circular nunha semana entre a veciñanza mais manteñen casos coa perspectiva de 14 días. Así que, aínda non estan libres do virus como si o están A Cañiza, Crecente, A Guarda, Oia, Fornelos de Montes, O Covelo e Mondariz-Balneario.
Aumentan os contaxios en Gondomar e Vigo e presentan agora unha incidencia entre os 25 e os 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. A mesma situación epidemiolóxica na que continúa Tomiño, Redondela e Mos. Ningún deles supera o abano dos 1-9 contaxios agás a cidade olívica que conta con 75, tres máis que na anterior xornada.
Nigrán e Salceda de Caselas seguen na segunda incidencia máis baixa que contempla Sanidade con menos de 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. En Ponteareas, Tui e Baiona son menos de 10 por 100.000. Ningún deles supera os 9 casos en 7 días.
Pola súa banda, Soutomaior continúa como o concello que rexistra a incidencia máis alta da bisbarra con máis de 125 positivos por 100.000 habitantes nunha semana con 14 contaxios, un menos que onte, segundo o SERGAS.
Na Área Sanitaria de Vigo baixa a presión hospitalaria ata os 8 pacientes ingresados por mor da COVID-19. Deles, catro están en camas convencionais e 4 nas UCI. Amáis, os casos activos na área baixan ata os 441, isto é, 11 menos que onte, segundo o SERGAS.